A precampaña trae a Redondela a candidata popular ao Congreso. Irene Garrido percorreu a feira con Javier Bas, Ana Alonso e outros membros do PP local e criticou os “oito anos de abandono” de Sánchez con Redondela polos incumprimentos con diferentes infraestruturas “xa que non se reforzou a seguridade viaria na N-555, falta a rotonda nos Valos, non se arranxaron as problemáticas de Chapela e tampouco se repuxeron os defectos da AP-9 nin se eliminou a peaxe”. Lamentou tamén que non se teña creado unha Comisaría de Policía.
A política viguesa, que estivo acompañada polo voceiro municipal, Javier Bas, a tamén candidata ao Congreso e concelleira Ana Alonso e outros membros do PP local, amosouse especialmente preocupada polo estado no que o PSOE deixa as infraestruturas estatais. Neste senso, concretou que non se reforzou a seguridade viaria na N-555, tampouco se construiu a necesaria rotonda nos Valos, en Chapela non se adoptaron medidas para retirar o tráfico pesado nin se acometeu a humanización da Avenida de Redondela, non se corrixiron os defectos nas obras de reposición tras a ampliación da AP-9 e non se retirou a peaxe de Rande.
Así mesmo, Irene Garrido tamén bota en falta a peonalización do viaduto de Madrid, a mellora da operatividade da estación do AVE e o estado xeral do tren, as solución ou a creación dunha necesaria Comisaría de Distrito para a Policía Nacional, que é considerada fundamental polo PP redondelán para incrementar a seguridade.
Pola súa banda, Javier Bas agradeceu o traballo constante dos deputados do PP durante todos estes anos “na defensa de Redondela”, xa que cre que lle deron continuidade ao feito por el mesmo en Madrid, onde lembrou que chegou a presentar ata 16 enmendas a prol do concello por importe de máis de 12 millóns de euros “para solucionar todas estas cuestións que, desgrazadamente, seguen pendentes”.
Por iso, tanto Garrido como Bas avogaron pola chegada de Alberto Núñez Feijóo á Moncloa “para que, desde o Goberno de España, se atenda dunha vez ao noso concello e se fagan os investimentos e as actuacións que merecen e necesitan os redondeláns”.









