O dispositivo de busca localizou o corpo sen vida dun home na zona na que se desenvolvían as tarefas de rastrexo. Segundo informan dende o 112 Galicia ata o punto desprazouse un equipo forense, quen se encarga das dilixencias correspondentes. Á falta de confirmación oficial todo apunta a que o desaparecido é Edelmiro Martínez Novo coñecido como “Nené”. O seu corpo foi atopado nas inmediacións da súa embarcación nas proximidades da ponte de Rande e da súa vivenda, no camiño de Soutelo na parroquia de Cedeira.
Experimentado mergullador afincado dende había anos en Redondela, a voz de alarma deuna o pasado martes un amigo que non era quen de localizalo. Iniciouse nese momento un intenso operativo de busca por terra, mar e aire sen que dera co seu paradoiro ata o mediodía de hoxe.
Os traballos de busca centrábanse no entorno da súa casa situada na zoa da Formiga xunto a un pantalán no que habitualmente tiña amarrada unha embarcación auxiliar tipo zódiac, que utilizaba para acceder a un barco. Cando se desprazaron ao lugar os efectivos de emerxencias atopáronse a zódiac a carón do barco, pero non había rastro do seu propietario.
Tras recibir o aviso, o 112 Galicia alertou a Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Garda Civil e as policías Nacional e Local. Tamén se informou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Baixo Miño e aos voluntarios de Protección Civil de Redondela, por se fose necesaria a súa intervención.
O dispositivo esténdeuse por terra, mar e aire. Nas tarefas participaron o helicóptero de rescate Pesca I, de Gardacostas de Galicia, así como embarcacións da Garda Civil e a auxiliar Don Inda, de Salvamento Marítimo. A Garda Civil desprazou tamén mergulladores do seu Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) para colaborar na busca.









