Zona Franca saca a licitación as obras do novo Centro de Negocios de Redondela. A vella Casona da Praza Ponte de Lima, o histórico inmoble da rúa Subida á Estación, converterase nun equipamento de vangarda destinado ao tecido empresarial da vila. O prazo de licitación estará aberto ata o día 26 de outubro e as obras, una vez adxudicadas, poderán comezar no primeiro semestre do próximo ano 2027. Por parte do Concello, seguen en marcha as obras de reforma da propia Praza que contará cun ascensor urbano e cuxa finalización está prevista antes de finais de ano.
A licitación do novo Centro de Negocios de Redondela cun orzamento de case 1,7 millóns de euros, suporá una rehabilitación integral do inmoble, actualmente en ruína, cumprindo o obxectivo de recuperar patrimonio cultural e histórico de Redondela e ofertar ás empresas da comarca un espazo para potenciar a creación de emprego, a innovación tecnolóxica e a posta en valor do patrimonio. O edificio estará dotado dun área de coworking, postos individuais e salas multiusos, preparadas para albergar a persoas autónomas, emprendedoras e micropemes.
Cara á rehabilitación, o proxecto contempla unha esixente restauración e mantemento das galerías de madeira orixinais, como elementos singulares da arquitectura tradicional galega, amais dun deseño cun incremento da superficie do inmoble expandindo a superficie útil ata o 469,54 m² e alcanzando unha superficie construída de 612,06 m².
No ámbito máis tecnolóxico, destaca por unha elevada proposta de enxeñería, xa que o centro será a infraestrutura competitiva que as empresas locais necesitan para dixitalizarse e expandirse no mercado global. Os espazos contarán cun sistema avanzado de climatización para garantir a eficiencia coa máxima calidade do aire e cun consumo enerxético mínimo. Así mesmo, dispoñerá dunha rede de telecomunicacións de última xeración. A iluminación do complexo tamén será totalmente sostible.
Por outra banda, seguen en marcha as obras de reforma da propia Praza na que se ubica a edificación, cuxa finalización está prevista antes de finais de ano, convertendo a zona nun espazo público, aberto e accesible. Contará cun ascensor urbano para salvar o gran desnivel coa rúa, e na parte posterior crearase un auditorio ao aire libre. A nova praza, cun espazo público de 2.300 m², será a entrada ao novo edificio.










