O Multiúsos da Xunqueira acollerá este venres, 9 de outubro, ás 19:30 horas, a obra de teatro ‘Neura’, unha comedia que aborda o tema da saúde mental e que chega a Redondela da man da compañía De Ste Xeito Producións. A función inscríbese no marco do Día Internacional da Saúde Mental e, antes da representación, realizarase a lectura do manifesto a cargo de Lenda Saúde Mental.
Os protagonistas de ‘Neura’ son Edu e Sonia, interpretados por Sergio Macías e Stephy Llaryora. Trátase dunha parella que viviu no pasado unha historia de amor e desamor que rematou por mor dos seus pequenos trastornos.
Os azares da vida fan que volvan atoparse en diferentes circunstancias e que se vexan obrigados, unha vez máis, a poñer a proba a compatibilidade das súas neuras. Porén, a evolución de cada un por separado ao longo destes anos, a través de diferentes terapias e pseudo-terapias, fai que se reencontren cunha versión actualizada da persoa que coñeceran.
Situacións novas e sorprendentes farán que o público viaxe, dun xeito hilarante, a través do mundo dos trastornos e da saúde mental. Un camiño afastado de preconceptos caducos que aborda con sinxeleza as múltiples alteracións da personalidade e esas manías das que ninguén se libra, por moito que as ocultemos ou que sexan consideradas un tabú.
‘Neura’ é, en definitiva, unha comedia neurótico-festiva na que todos e todas nos veremos reflectidos.










