Foto: Arquivo
A Asociación Lenda Saúde Mental celebrará o xoves 8 de outubro unha xornada de encontro e reivindicación na praza de Alejandro Otero con motivo do Día Mundial da Saúde Mental. A iniciativa busca achegar á cidadanía o traballo da entidade e poñer o foco nos dereitos das persoas con diagnóstico de enfermidade mental ou con doenzas de saúde mental.
A programación comezará ás 11:30 horas, cun café e un pequeno petisco para as persoas participantes. Ás 12:00 horas terá lugar a lectura do manifesto, seguida da presentación do número 46 da revista «A Voz de Lenda». A mañá rematará ás 12:20 horas cunha actuación musical a cargo de Garabillo & Co.
Durante toda a mañá estará instalado na praza un posto da revista «A Voz de Lenda», onde se poderán adquirir publicacións e produtos elaborados no Centro Ocupacional da entidade.
A programación continuará pola tarde. Entre as 16:30 e as 19:00 horas, Lenda manterá na praza un posto de venda dos produtos elaborados no Centro Ocupacional, ofrecendo así á veciñanza a oportunidade de coñecer o labor que se desenvolve neste servizo.
Con esta saída á vila, Lenda pretende favorecer o encontro coa comunidade, visibilizar a saúde mental e reivindicar os dereitos das persoas con problemas de saúde mental, nunha xornada aberta á participación da cidadanía.










