A xornada “A xestión dos lugares de memoria da represión franquista” celebrada o pasado venres na Illa de San Simón deixou este anuncio de Zoraida Hijosa, da Secretaría de Estado de Memoria Democrática, quen avanzou tamén o compromiso do Estado a realizar unha reparación económica á familia de Moncho Reboiras, o histórico militante nacionalista asasinado pola policía franquista en Ferrol en 1975. A actividade estivo organizada polo Consello da cultura galega e o Concello de Redondela co obxecto de debater sobre o futuro da Memoria democrática así como os futuros usos da Illa de San Simón.
A representación do Goberno de España estivo a cargo de Zoraida Hijosa, directora xeral de Atención ás Vítimas da Secretaría de Estado de Memoria Democrática. Durante a súa intervención, Hijosa avanzou que o Estado realizará unha reparación económica á familia de Moncho Reboiras, o histórico militante nacionalista asasinado pola policía franquista en Ferrol en 1975.
A xestión activa da memoria dá tamén un paso adiante coa creación dun banco xenético nacional. Esta ferramenta permitirá que todas as familias que o desexen poidan cruzar os seus datos de ADN cos restos das vítimas exhumadas nas fosas comúns, acelerando a súa identificación.
A xornada tamén tivo momentos de intensa reivindicación política. Os colectivos memorialistas participantes recriminaron á Xunta de Galicia a súa “falta de interese” e a súa total ausencia na promoción de actividades de Memoria Democráticas. As asociacións lembraron que a administración autonómica xestiona a Illa de San Simón e criticaron que o executivo galego manteña este espazo —declarado oficialmente Lugar de Memoria— á marxe de iniciativas que dignifiquen ás vítimas do franquismo.
Nesta mesma liña manifestouse a alcaldesa de Redondela, quen agradeceu o esforzo de todos estes anos aos colectivos da memoria para conseguir que as illas sexan hoxe un espazo recoñecido. A rexedora subliñou que o Concello defende firmemente a protección deste enclave, motivo polo cal xa teñen preparado un futuro plan de usos dende o PXOM para protexer a dignidade dos máis de 6.000 represaliados no arquipélago. Así mesmo, Rivas denunciou publicamente que a Xunta de Galicia rexeitou reiteradamente a petición do Concello de integrarse na Fundación que xestiona a illa.









