O novo servizo municipal, gratuíto e destinado exclusivamente ás persoas empadroadas no municipio, permitirá depositar mobles, electrodomésticos, aparellos informáticos, aparellos electrónicos, restos de pequenas obras e outros residuos que non se poden tirar nos colectores habituais.
A creación deste punto limpo está enmarcada dentro da campaña municipal Conscientes que busca fomentar a concienciación ambiental e promover hábitos responsables na xestión dos residuos.
Este novo espazo municipal está destinado ao depósito de residuos voluminosos, perigosos ou propios do fogar que, polas súas características, non poden depositarse nos colectores convencionais. Entre os materiais que se poderán levar ao Punto Limpo atópanse mobles, electrodomésticos, cables, aparellos informáticos, entullos procedentes de pequenas obras domiciliarias, macetas e restos de poda, entre outros. Quedan excluídos os residuos explosivos e sanitarios.
O servizo é totalmente gratuíto e está dirixido exclusivamente ás vivendas das veciñas e veciños empadroados no Concello de Soutomaior. Para poder facer uso destas instalacións, será necesario presentar o DNI, co fin de acreditar a súa condición de residentes empadroados no municipio.
No caso das empresas, a normativa obrígaas a xestionar os seus residuos a través dun xestor autorizado, polo que non poderán facer uso destas instalacións.
Na inauguración deste punto limpo, ao que asistiu o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, a técnica de medio ambiente, Eva Alonso e Ismael Bouza, coordinador de Servizos Urbanos de Urbaser, os responsables municipais destacaron a importancia de seguir impulsando iniciativas que favorezan a implicación da cidadanía no coidado do medio ambiente.
O Punto Limpo da Montesiña estará operativo de luns a venres, en horario de 9:00 a 13:00 horas. As persoas interesadas en obter máis información sobre o funcionamento do servizo poden facelo a través do teléfono 986 67 80 46.









