Foto: reunión dos representantes do PP coa veciñanza do Salgueiral
Javier Bas reclama ao goberno de Digna Rivas unha actuación integral que dea resposta ás numerosas deficiencias existentes no barrio e non unha reparación puntual do enreixado. Os populares aseguran que a intervención anunciada e que arrancará vindeiro 13 de outubro, afecta exclusivamente a este elemento e consideran que o investimento previsto -34.000 euros- queda moi lonxe das necesidades reais da zona. O PP, que se reunía este mércores coa veciñanza da zona, levará ao próximo pleno a situación do Salgueiral para reclamar unha solución global ás deficiencias que afectan á accesibilidade, aos accesos aos garaxes, á drenaxe e ao resto da urbanización.
Malia que o Concello anunciou nas últimas horas “unha actuación que suporá unha restitución completa do firme no que se contempla a demolición integral do pavimento danado, a construción dunha nova base estrutural e a instalación dunha reixa central conectada á rede de augas pluviais” os PP considera claramente insuficiente” o investimento de 34.000 euros previsto polo Concello para actuar no Salgueiral.
Neste sentido advirte de que esta cantidade, destinada exclusivamente á reparación do enreixado situado a ras da calzada, “non será suficiente para arranxar unha rúa que presenta numerosos problemas desde a súa remodelación”.
Así o trasladou o voceiro municipal do PP, Javier Bas, tras manter unha reunión cos veciños da zona, que lle expuxeron as diferentes deficiencias que continúan sen solución máis dun ano despois da recepción da obra.
Bas sinala que os 34.000 euros anunciados polo Concello representan unha actuación “moi limitada” fronte ao número de problemas trasladados polos veciños. Entre eles figuran o deterioro do enreixado da calzada, as deficiencias de accesibilidade e a excesiva altura das beirarrúas, os fortes desniveis nos accesos aos garaxes —que, segundo os residentes, están provocando danos nos vehículos e problemas de acumulación de auga—, os restos de cemento nos contedores ou unha fonte que continúa sen funcionar.
O voceiro popular lembra ademais que a intervención de mellora do Salgueiral contou cun investimento de 982.000 euros procedentes da Deputación e que a obra foi recepcionada o 10 de setembro de 2025. “Despois dun investimento desta magnitude, o que non pode ocorrer é que máis dun ano despois os veciños continúen reclamando solucións e que a única actuación prevista sexa un contrato de 34.000 euros para un dos problemas”, sinalou. Desde o PP consideran tamén significativo que este contrato fose adxudicado o pasado mes de xuño e leve meses sen executarse, mentres que o goberno municipal anunciou agora o inicio dos traballos para o 13 de outubro “para contraprogramar a reunión convocada polos veciños co PP”.
Conclúe Bas criticando a “deixazón de funcións da alcaldesa, xa que unha obra pode saír mal ou ter problemas, aínda que é obriga solucionalos no prazo máis curto posible, pero o que nunca se pode facer é abandonar e ignorar á nosa xente como fai Digna Rivas”.









