Hoxe é Venres 18 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Concello e Asociación de empresarios de Redondela chocan pola ubicación da Feira de Oportunidades

recreación

Foto: Recreación en 3D do proxecto previsto pola Asociación de Empresas

A negativa do Concello de Redondela a autorizar o uso do aparcamento de Vilavella para celebrar a Feira de Oportunidades provocou un desencontro coa Asociación de Empresas, que representa os establecementos participantes no evento. O goberno local anunciou que a cita comercial terá lugar os días 16 e 17 de outubro na rúa Ribeira, unha proposta que non convence ao colectivo empresarial nin polas datas nin polo espazo escollido. O colectivo anuncia que acata a ubicación “co único obxectivo de evitar que o comercio local perda o maior evento da súa historia”. En canto as datas puntualiza que barallan como posibles días o 22 e 23 de outubro, co fin de evitar coincidencias coa Batalla de Rande.

A entidade afirma que a súa prioridade é evitar que Redondela perda a campaña “Redondela no Camiño”, vinculada a unha axuda da Xunta de Galicia para o Centro Comercial Aberto e que naceu como unha evolución da tradicional Feira de Oportunidades cara a unha Gran feira multisectorial nun único emprazamento.

O principal punto de fricción é a ubicación da feira. A Asociación de Empresas considera que o aparcamento de Vilavella era o lugar idóneo para converter a feira no epicentro do comercio local, ao permitir concentrar nun mesmo recinto a actividade comercial e as diferentes accións previstas.

Segundo a asociación, a elección de Vilavella como epicentro non foi casual nin improvisada. “A marca Redondela no Camiño vai moito máis alá de ser un punto de encontro das variantes do Camiño Portugués: quere destacar o papel fundamental que todos os camiños históricos de Redondela (prehistóricos, romanos, medievais, marítimos, fluviais e ferroviarios) tiveron durante máis de 2.000 anos na configuración económica, urbana e comercial da vila. Neste contexto, Vilavella como punto de unión dos camiños e porta de entrada sur ao Centro Comercial Aberto e o relato histórico de Vilavella e Vilanova representaba o escenario idóneo” subliñan dende a Asociación.

Malia todo, o Goberno local non autorizou finalmente o uso do aparcamento de Vilavella. Segundo a asociación empresarial, durante as negociacións o Concello argumentou diferentes inconvenientes: as características do solo, as posibles molestias aos veciños, a perda de prazas de aparcamento, a falta de potencia eléctrica suficiente e a posible interferencia coas obras da futura ponte sobre o río.

A Asociación de Empresas discrepa destes argumentos e considera que os problemas expostos polo Concello podían resolverse tecnicamente. Defende que as estruturas previstas podían instalarse mediante pesos, sen ancoraxes agresivas; que o subministro eléctrico podía solucionarse mediante xeradores; e que existían alternativas para o estacionamento. Tamén considera compatible a celebración dun evento comercial e cultural diúrno coa contorna.

A entidade atópase xa traballando a contra o reloxo —pendente de confirmar a dispoñibilidade dos provedores— para encaixar a campaña nunha das datas aprobadas pola Mesa Local de Comercio, previsiblemente os días 22 e 23 de outubro, co fin de evitar coincidencias coa festa da histórica Batalla de Rande.

A Asociación de Empresas de Redondela reafirma así a súa disposición a continuar colaborando coas administracións, aínda que reclama “altura de miras” e maior apoio ao comercio de proximidade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará