Hoxe é Venres 18 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Laura Llatxe: «Non hai que normalizar a perda de orina; nun 70 % dos casos podemos traballar para corrixila»

laura llatxe

O chan pélvico segue sendo un gran descoñecido para boa parte da poboación, malia que os problemas relacionados con esta zona poden afectar tanto a homes como a mulleres e a calquera idade. Para achegar información e romper con certos tabús, o Concello de Soutomaior organiza o vindeiro venres 26 de setembro unha charla coa fisioterapeuta especializada en chan pélvico Laura Llatxe.

A sesión, de balde, pretende ofrecer ferramentas para identificar síntomas, resolver dúbidas e, sobre todo, fomentar a prevención e evitar que determinadas molestias se asuman como algo normal.

A especialista explica que o chan pélvico ten unha función fundamental no organismo e que as alteracións nesta zona poden estar detrás de problemas moi diversos, desde a incontinencia ata os prolapsos ou determinadas dores.

Non se trata, ademais, dun problema exclusivo do embarazo ou do posparto. A práctica deportiva, especialmente aquela que implica impactos repetidos, tamén pode estar relacionada coa aparición de determinadas disfuncións.

A mensaxe que quere trasladar Llatxe é clara: non hai que agardar a que o problema empeore nin resignarse a convivir con síntomas como as perdas de orina, a dor pélvica ou as molestias nas relacións sexuais.

A fisioterapia pode contribuír tanto ao tratamento como á prevención. No caso da incontinencia urinaria, a posibilidade de mellora dependerá da causa, pero Llatxe destaca que unha porcentaxe importante dos casos pode beneficiarse dun tratamento específico.

A prevención é precisamente un dos aspectos que a fisioterapeuta considera necesario potenciar. Os coñecidos exercicios de Kegel, asociados habitualmente ao embarazo e ao posparto, son só unha das ferramentas que poden empregarse para traballar a musculatura do chan pélvico, sempre en función das necesidades de cada persoa.

Durante a charla en Soutomaior abordaranse cuestións relacionadas co chan pélvico en diferentes etapas e situacións da vida, entre elas o embarazo, o cancro e a menopausa. Tamén se explicará como identificar sinais de alerta e cando é recomendable acudir a un profesional.

A resposta á convocatoria xa evidencia o interese que existe por esta cuestión. As 70 prazas dispoñibles para a sesión esgotáronse nun tempo récord, polo que, ante a boa acollida, o Concello de Soutomaior xa contempla a organización dunha nova actividade no futuro.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará