O docente de Educación Infantil do CEIP de Tui e natural de Redondela presenta Obratectura, unha proposta que utiliza o cartón e a construción como ferramentas para aprender, experimentar e desenvolver capacidades
Co inicio do novo curso escolar volve tamén o debate sobre como ensinar e sobre a necesidade de atopar fórmulas que permitan aos máis pequenos aprender dun xeito creativo, práctico e motivador. Nun momento no que as pantallas teñen cada vez máis presenza na vida cotiá, hai docentes que apostan precisamente polo contrario: recuperar o xogo, as mans, a imaxinación e a experimentación.
É o caso de Diego Ricón (Redondela), docente de Educación Infantil nun CEIP de Tui, coñecido tamén como o “mestre entre cartóns @maestro_entrecartones”. O profesor participou recentemente no sexto Encontro de Educadores Galegos, onde presentou parte da súa maneira de entender a educación e a experiencia Obratectura, un proxecto que integra xogo, construción e acompañamento para potenciar o desenvolvemento integral do alumnado.
Para Ricón, a construción é algo inseparable da infancia. “Construír é algo inherente á infancia”, explica. A idea está agora trasladada á aula a través dunha metodoloxía na que o alumnado pode experimentar con diferentes materiais e crear as súas propias estruturas.
A proposta de Obratectura parte dun principio sinxelo: aprender facendo. Na aula de Diego hai tubos xigantes, bloques de escuma, cartóns e mesmo unha grúa de dous metros que os propios nenos e nenas poden utilizar de maneira autónoma para transportar materiais.
“Canto máis real sexa a proposta que ti fas, máis real vai ser a aprendizaxe”, sinala o docente.
A construción convértese así nunha actividade transversal que vai moito máis alá de levantar estruturas. Segundo explica Ricón, o alumnado ten que organizarse, cooperar, tomar decisións e resolver pequenos conflitos para conseguir os seus obxectivos. Por exemplo, mentres un neno manexa a grúa, outro debe colocar o material nunha cesta situada a varios metros de altura.
Unha dinámica que, ao mesmo tempo, favorece o traballo cooperativo e permite introducir diferentes aprendizaxes sen necesidade de separalas en materias ou actividades pechadas.
“Non hai que ter tanta presa”
A filosofía de Ricón tamén se deixa notar na maneira de afrontar estes primeiros días de curso. Lonxe de considerar a volta ao cole como un momento no que hai que acelerar os procesos, o docente defende dar tempo aos nenos e nenas para recuperar as rutinas e establecer vínculos.
“Simplemente hai que deixar, hai que acompañar, hai que dar seguridade”, resume.
No caso de Infantil, considera especialmente importante non converter a adaptación nunha carreira. Cambiar de aula, de mestre ou de ambiente supón un proceso para os pequenos e, segundo explica, tamén os adultos deben aprender a mirar esas situacións desde a perspectiva dos nenos.
Por iso defende períodos de acollida nos que as familias poidan ter unha presenza máis activa. No seu caso, os pais e nais están presentes durante o proceso inicial e, sempre que é posible, a incorporación faise de maneira progresiva.
“O primeiro é o achegamento. Despois vén un proceso de confianza e vinculación e finalmente o de pertenza”, explica. Unha vez que o neno ou nena sente que forma parte do grupo e que o colexio é un espazo seguro, “todo é afecto”.
Unha escola que aposta pola liberdade
Esta maneira de entender a educación está integrada nun proxecto máis amplo do centro educativo no que traballa Ricón. O colexio anos desenvolvendo un cambio de mirada sobre a Educación Infantil, cunha aposta por unha educación máis respectuosa e por dar maior protagonismo ao alumnado.
O proxecto estrutúrase arredor de tres piares: a alimentación, o non uso de pantallas e a circulación libre.
Neste último ámbito, durante determinados momentos da xornada as portas das aulas permanecen abertas e os nenos e nenas poden moverse polos diferentes espazos, propostas e obradoiros segundo os seus intereses. Non hai timbres nin unha sucesión ríxida de actividades.
“Non temos unha hora concreta para nada. Non ter ataduras tamén está moi ben”, apunta o mestre.
A intención é que o alumnado poida explorar diferentes ambientes e descubrir progresivamente aquilo que máis lle interesa, sen que iso implique deixar de aprender. “Se a un neno sempre lle gusta ir á cociñita, e que?”, reflexiona Ricón.
Unha aula afastada das pantallas
Outro dos elementos diferenciais do proxecto é a ausencia de pantallas como ferramenta habitual de entretemento ou aprendizaxe. Ricón explica que na súa propia aula a pantalla dixital permanece tapada por unha saba cunha mensaxe clara: “Esta pantalla non entretén os meus ollos”.
A súa proposta é converter a escola infantil nun “oasis” fronte á exposición constante ás pantallas que existe fóra do centro educativo.
Neste sentido, aposta por recuperar experiencias máis físicas e sensoriais: tocar, construír, correr, experimentar, falar e xogar. Unha filosofía que encaixa directamente con Obratectura e coa idea de que o desenvolvemento infantil non pode quedar reducido a actividades dirixidas ou a resultados académicos.









