Os Concellos de Redondela e Soutomaior únense o vindeiro 13 de setembro a través dunha nova edición da Andaina Popular Valle-Inclán, unha proposta que combina deporte, natureza, patrimonio e cultura arredor da figura do escritor. A terceira edición contará cun percorrido de 12 quilómetros, con saída ás 9:00 horas desde o Pazo da Reboraina, en Reboreda, e chegada ao Castelo de Soutomaior.
A concelleira de Turismo de Redondela, Rita Pérez, salienta o carácter compartido da actividade: “ao final está unindo concellos limítrofes, que temos moitas cousas en común, como, por exemplo, o Monte da Peneda, que tamén é compartido”.
A responsable municipal fai tamén unha valoración positiva das dúas primeiras edicións e confía en repetir a resposta dos participantes. A andaina conta con 160 prazas das que quedan unha decena disponibles e, segundo explica Pérez, nas edicións anteriores a inscrición completáronse rapidamente.
Un percorrido ligado á figura de Valle-Inclán
Durante a ruta, as persoas participantes poderán coñecer mellor o territorio e a relación do escritor coa zona. A actividade contará coa participación do párroco de Reboreda D. José Carlos Rodríguez Álvarez, que se encarga de achegar explicacións sobre a figura de Valle-Inclán e sobre a influencia que esta contorna tivo na súa literatura.
A organización tamén contará con apoio para garantir a seguridade ao longo dos 12 quilómetros. Protección Civil participará no dispositivo, mentres que durante o percorrido haberá puntos de avituallamento.
A participación é gratuíta e as inscricións poden realizarse mediante a ligazón habilitada para a actividade. Unha vez rematada a ruta, as persoas participantes disporán dun servizo de autobús para regresar á Reboraina, facilitando así a volta ao punto de partida.
A concelleira aposta por seguir traballando nesta dirección e por consolidar un modelo de turismo sostible, especialmente nun municipio atravesado polo Camiño de Santiago e que cada ano recibe un maior número de peregrinos. “Temos que seguir coidando que a xente vexa o que temos e que ese turismo sostible, que é o que nós intentamos promocionar, perdure no tempo”, sinala Pérez.
Neste sentido, a responsable de Turismo destaca tamén o papel da Oficina de Turismo de Redondela, que ofrece información tanto ás persoas que visitan a vila como á propia veciñanza e organiza visitas guiadas semanais para dar a coñecer o patrimonio local.










