O conxunto vermello xa prepara a tempada 2026-2027 en 3ª División Nacional, cun novo corpo técnico, sete incorporacións e 210 licenzas repartidas en 16 equipos. A principal novidade do proxecto estará no banco. Despois de tres tempadas con Alberto Matilla ao fronte do primeiro equipo, o club aposta agora por Pablo Durán. O técnico pontevedrés, de 43 anos e con ampla experiencia no fútbol sala nacional, chega ao Pazos tras a súa etapa máis recente no Bueu. A espera de cinco semanas para o inicio da liga o equipo está xa mergullado na pretempada. Este mércores reciben no pavillón municipal ás 20:45horas ao Poio Pescamar.
A principal novidade do equipo que militará esta tempada na 3ª División nacional de fútbol sala atopámola no banco, coa incorporación de Pablo Durán que estará acompañado por dous homes da casa, Antonio Cernadas e Aday Couto, que completarán o novo corpo técnico.
O club mantén unha parte importante do bloque da pasada tempada, ao tempo que incorpora xuventude e talento procedente doutros equipos e da súa propia canteira.
Na portería continúan Marcos e Esteban, mentres que Aarón, Simon e Chino forman parte da liña defensiva. Tamén continúas Luis, Costas, Jacobo e Diego. Súmanse cinco incorporacións. Luis Rey, porteiro de 20 anos procedente do Campito, reforzará a portería. Tamén chega Lucas Botana, de 19 anos, procedente do Vigo 2015; Lucas Legazpi, de 19 anos, procedente da Quinta de Tui; e Dani Crespo, de 22 anos, procedente do Alvarinho Melgaço. A defensa incorpora, pola súa banda, a Xaquín, de 20 anos, procedente do Stellae Leis.
O proxecto tamén mira cara á canteira. Diego Pereira de 20 anos e Anxo Viana, de 24 anos dan o salto desde o filial para incorporarse á dinámica do primeiro equipo.
O primeiro equipo afronta cinco semanas de preparación co obxectivo de chegar nas mellores condicións ao inicio da competición ligueira, previsto para o 13 de setembro.
Durante a pretempada, o Pazos disputará varios encontros amigables. O calendario inclúe os partidos ante Poio Pescamar e Bembrive FS no pavillón municipal, así como unha visita á Quinta de Tui e outro encontro, aínda pendente de data, fronte ao Stellae Leis.
Antes do comezo da Liga chegará tamén a Copa Galicia. O Pazos debutará o 30 de agosto na primeira rolda ante o Marín Futsal, a domicilio. Se supera esta eliminatoria, o seguinte compromiso será o 6 de setembro, tamén fóra de casa, ante o vencedor do enfrontamento entre o SD Abetos e o Redondela FS.
Na competición ligueira, o debut terá lugar o 13 de setembro en Sarria, fronte a Os Meigallos.
Récord histórico: 210 licenzas e 16 equipos
A S.D. Pazos de Borbén FS alcanza esta tempada o seu récord histórico de 210 licenzas e 16 equipos. O primeiro equipo competirá en Nacional, mentres que o filial participará en Preferente. Na base, o alevín e o infantil disputarán a Liga Galega, con especial atención a este último, que chega á categoría despois do brillante ascenso conseguido a pasada tempada.









