A parroquia de Reboreda celebra este xoves, 13 de agosto, a súa tradicional Ofrenda Floral na honra á Virxe, nunha xornada que supón o arranque das festas patronais que se desenvolverán ata o vindeiro domingo.
Esta tarde a partir das 21:30 horas, tras a celebración da ofrenda floral, chegarán as actuacións de Airinhos do Mar de Teis, e Chavellos, de Pereiras (Mos). As dúas formacións serán as encargadas de animar a noite co seu repertorio de música tradicional.
Os actos comezarán ás 20:30 horas coa tradicional ofrenda floral aos pés da Virxe, na igrexa parroquial de Reboreda. A organización anima á veciñanza e ás persoas asistentes a achegar o seu ramo e participar nesta tradición.
A celebración prolongarase ata as 00:00 horas e desenvolverase baixo o lema «Paixón pola música e a tradición», reunindo devoción, música e participación veciñal.
A actividade conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Concello de Redondela.









