A rúa Pai Crespo volverá converterse este mércores nun escenario ao aire libre coa actuación de Acordeireta, o dúo formado por Patricia González e Alejandro Balbuena, que ofrecerá ás 21.00 horas un concerto de folk festivo e reivindicativo dentro do ciclo Mércores de Música en Pai Crespo.
Acordeireta nace da unión das traxectorias musicais de Patricia González e Alejandro Balbuena, que xuntan voz, acordeón e pandeireta para achegar ao público a música tradicional galega, a canción de autor e as súas propias composicións. Unha proposta que ten como fío condutor o lema “Loitar cantando” e que reivindica a lingua, a cultura e as raíces galegas.
O dúo chega a Pai Crespo tras publicar o seu segundo traballo discográfico, Baixo os remendos, nós, un álbum que definen como un “segundo disco para segundas vidas” e no que continúan bebendo da música tradicional e da poesía dos antepasados, actualizando a súa vixencia desde unha mirada contemporánea.
As súas actuacións combinan a celebración da música popular cunha marcada vertente social. Acordeireta interpreta temas tradicionais e de autor, ademais de composicións propias, con espazo tamén para homenaxear persoas queridas e admiradas e para reivindicar cuestións sociais da actualidade.
A actuación deste mércores forma parte dunha nova edición dos Mércores de Música en Pai Crespo, unha iniciativa impulsada por Disco Tasca, Agarimo e Gastro Bar que leva xa 17 anos enchendo de actividade cultural a rúa durante os meses de xullo e agosto. A programación, con concertos todos os mércores, pretende dinamizar a actividade comercial e hostaleira da zona ao tempo que ofrece unha proposta cultural gratuíta e aberta á veciñanza.
Despois de Acordeireta, a programación continuará o seguinte mércores, día 19, ás 21.00 horas, coa actuación de Michu da Rocha e Pacheco.










