O fenómeno astronómico do vindeiro 12 de agosto alcanzará na contorna de Redondela e Pazos unha ocultación próxima ao 99,5 % e poderá observarse con máxima intensidade arredor das 20:30 horas. O goberno de Pazos decidiu celebrar este cita convidando a veciñanza a reunirse a partir das 17:00 horas na praza do Concello onde se desenvolverá unha programación destinada a todos os públicos, con obradoiros, inchables e actuación de O Fiadeiro.
A proposta pretende aproveitar a expectación xerada polo eclipse para combinar divulgación, actividades familiares e cultura, á espera de que o fenómeno astronómico alcance o seu momento de máxima intensidade ao final da tarde.
Un eclipse parcial, pero moi próximo á totalidade
A franxa de totalidade atravesará determinadas zonas de Galicia, pero Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior quedan fóra desa estreita banda. Nestas localidades o eclipse será, polo tanto, parcial, aínda que a ocultación do disco solar será extraordinariamente elevada.
En Redondela, por exemplo, os cálculos sitúan a máxima ocultación arredor do 99,5 % do disco solar, cun máximo aproximado ás 20:30 horas. Isto significa que a Lúa chegará a ocultar practicamente todo o Sol, provocando un notable descenso da luminosidade, pero quedará unha pequena parte do disco solar visible.
O Sol estará moi baixo sobre o horizonte
Na contorna de Redondela, o eclipse comezará aproximadamente ás 19:32 horas, alcanzará o seu máximo arredor das 20:30 e finalizará sobre as 21:23 horas. No momento de máxima ocultación, o Sol estará xa moi baixo, a pouco máis de 11 graos sobre o horizonte.
Esta circunstancia será un dos principais factores que condicionarán a observación.
Por iso, os expertos recomendan escoller con antelación un lugar cun horizonte oeste-noroeste completamente despexado. Edificios, árbores ou mesmo o relevo da zona poden ocultar o Sol precisamente durante a fase máis interesante da eclipse. De feito, a concelleira de Pazos de Borbén, Victoria Couñago salientaba precisamente estas características da praza do concello da localidade o que a converten “nun lugar privilexiado para observar este fenómeno e tamén a chuvia das Perseidas que se espera para esa mesma noite”.
A organización e as recomendacións dos especialistas insisten nunha cuestión esencial: non se debe mirar directamente ao Sol durante a fase parcial do eclipse sen protección ocular específica. As persoas que queiran observar o fenómeno deberán utilizar gafas especiais para eclipses solares.
As lentes de sol convencionais non protexen os ollos da radiación solar durante a observación dun eclipse. Tampouco son métodos seguros as radiografías, negativos fotográficos, cristais afumados ou outros sistemas caseiros.
No caso de utilizar cámaras, prismáticos ou telescopios, estes deberán contar cun filtro solar apropiado e correctamente instalado. Non se debe mirar ao Sol a través destes instrumentos sen a protección correspondente.











