Soledad Chayán será a encargada de guiar este martes 11 de agosto ás 19:00 horas a veciños e visitantes a través do roteiro as “Mulleres: da historia á memoria”, o que permitirá aos participantes a coñecer as grandes esquecidas da historia local. Esta actividade, que se repetirá o martes 25 de agosto, é de balde pero precisa de inscrición previa na oficina de turismo, no 986 401713 ou no enderezo turismo@redondela.gal
O roteiro que nos propón Chayán é “As mulleres da vila: Da memoria á historia” un percorrido polo legado de moitas mulleres que deixaron unha fonda pegada en Redondela, pero que foron silenciadas ao longo do tempo. A ruta a pé inclúe paradas na praza de Ponteareas, onde se dá a coñecer a historia das mulleres do Convento de Vilavella e a Lenda da Moura; na contorna da antiga fábrica de Regojo, símbolo da importancia da man de obra feminina na industria téxtil; e na Casa da Torre, para descubrir a figura de Carolina García Tenreiro, mestra e política do Partido Republicano Radical que, en 1934, se converteu na primeira muller en ocupar unha concellería en Redondela.
Durante o percorrido tamén se recupera a memoria doutras mulleres destacadas como as “madriñas” de San Simón, Ernestina Otero, Rita Regojo, Lola “a Jamaica” ou Josefa Puga “a Garavilla”, poñendo en valor a súa contribución á historia e á identidade da vila.









