Hoxe é Venres 7 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Dous podios para MeigArco no seu I Torneo 3D Concello de Redondela

763701401_1614211210715434_6155575044583751436_n

O Club MeigArco pechou cun balance moi positivo a primeira edición do Torneo 3D en liña Concello de Redondela, celebrado o pasado sábado e organizado pola propia entidade. A competición reuniu arqueiros e arqueiras de distintos clubs galegos nun percorrido de 24 dianas, nunha cita que combinou deporte, convivencia e un ambiente de compañeirismo.

A organización destacou a boa resposta dos participantes e agradeceu a asistencia de todas as persoas que se achegaron ao torneo. Desde o club sinalan que apostaron por un percorrido variado, con distancias accesibles para os competidores, así como por uns premios diferentes aos habituais —queixos, chourizos e fuets para os primeiros clasificados—, rematando a xornada cunha pinchada popular para recuperar un dos momentos de convivencia máis tradicionais destas competicións.

No apartado deportivo, o arqueiro de MeigArco José María Rodríguez Vázquez proclamouse vencedor na categoría de arco composto absoluto con 493 puntos, mentres que o tamén representante do club Alejandro López Álvarez acadou a terceira posición con 406 puntos.

Ademais dos dous podios, o club anfitrión contou cunha ampla representación no resto de categorías. En tradicional absoluto competiron Raquel Domínguez Latorre, quinta clasificada; Violeta Peitieiros Domínguez, undécima; e Marcos Rodríguez Alonso, décimo cuarto. Na modalidade de longbow participaron Melania Sanjorge García, quinta; José Ángel Casal Rodas, sexto; Ramón Iglesias Muiños, sétimo; Hugo Guardiola Ameijeiras, décimo; e Carla Miguélez Pérez, décimo terceira.

Ao remate da competición tamén se realizou un sorteo de agasallos entre os participantes, no que resultou premiada a arqueira de MeigArco Melania Sanjorge García, ademais doutros representantes do Club Celta.

Desde MeigArco quixeron agradecer o traballo de todos os socios e voluntarios que fixeron posible a organización desta primeira edición, así como a colaboración dos representantes da Federación Galega de Tiro con Arco, do equipo arbitral e da fotógrafa Mony Ledo. A entidade confía en consolidar esta competición no calendario e poder repetir a experiencia en futuras edicións.

Podios do I Torneo 3D Concello de Redondela

Na modalidade de arco espido, o primeiro posto foi para Manuel Costal Giráldez, do club Boa Vila, con 426 puntos. O segundo clasificado foi J. Ángel Lijó Cadilla, de Arqueiros do Barbanza, con 398 puntos, mentres que Iñaki Fariña Muradás, de Arco Xeve, completou o podio con 355 puntos.

En arco composto, a vitoria foi para o arqueiro de MeigArco José María Rodríguez Vázquez, que sumou 493 puntos. O segundo posto correspondeu a Jaime Abilleira Villaverde, de Boa Vila, con 477 puntos, e o terceiro foi para o tamén representante de MeigArco Alejandro López Álvarez, con 406 puntos.

Na categoría de arco tradicional, Simón Sabarís García, do club Boa Vila, proclamouse vencedor con 395 puntos. O segundo posto foi para o seu compañeiro Alberto Villarreal Salgueiro, con 375 puntos, mentres que Frank Ramsdale, de Os Irmandiños, rematou terceiro con 348 puntos.

En longbow, o triunfo foi para Lee Ramsdale, de Os Irmandiños, con 386 puntos. A segunda posición foi para Silverio Bouzas Barreiro, de Boa Vila, con 372 puntos, e a terceira para José García Gómez, do Club Celta, con 363 puntos.

Por último, na modalidade de arco recurvo, o primeiro posto foi para Javier López Gómez, do club Cutarc, con 370 puntos. A segunda clasificada foi Carolina Patiño Allo, tamén de Cutarc, con 271 puntos. Nesta categoría non se completou o podio ao non haber máis participantes clasificados.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará