Hoxe é Xoves 6 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

América de Vigo, Kubo e Los Lunes al Sol encabezan as festas de Quintela

san-mamede-e-san-anton-de-quintela-redondela_img12484n1t0

A parroquia de Quintela volve converterse esta fin de semana nun punto de encontro para centos de persoas coa celebración das tradicionais festas na honra de San Mamede e San Antón. Do 7 ao 9 de agosto, a comisión organizadora preparou un programa que mestura os actos relixiosos tradicionais cunha ampla oferta musical, churrascada popular e actividades pensadas para todas as idades.

Detrás desta organización hai preto de oito anos de traballo do actual equipo, que afronta unha nova edición coa intención de seguir facendo medrar unha celebración que xa se consolidou no calendario festivo de Redondela.

O presidente da comisión, José María, e o vicepresidente, Juan José, explican que a filosofía das festas mantense intacta desde os seus inicios. “Levamos case oito anos á fronte da comisión e seguimos coa mesma ilusión”, sinalan. Entre as novidades deste ano destaca o cambio de última hora no concerto de rock do venres, despois de que Chocolate Sexy tivese que cancelar a súa actuación por causas alleas á organización. No seu lugar actuará a banda viguesa Los Lunes al Sol, un grupo de versións de clásicos do pop e do rock das décadas dos 80 e 90 que, segundo a comisión, encaixa perfectamente no espírito da xornada.

A programación arrancará o venres 7 coa misa solemne ás 12.00 horas, cantada pola Coral S.L.C. de Reboreda e seguida da procesión acompañada pola Agrupación Musical de Redondela. Xa pola tarde, desde as 20.00 horas, celebrarase a primeira gran churrascada popular antes dunha noite de verbena que reunirá sobre o escenario a Los Lunes al Sol, Trío Somoza e América de Vigo, que chega a Quintela inmersa na súa xira do 50 aniversario. “Para eles é como tocar na casa. Será a quinta actuación consecutiva con esta comisión e iso demostra a conexión que hai co público”, destacan os organizadores.

O sábado repetirase o esquema tradicional coa misa do mediodía e procesión, nesta ocasión acompañada polos gaiteiros de San Estevo. Pola noite será a quenda do Trío La Noche do Grove e da orquestra Kubo, ademais dunha nova churrascada popular. A organización confirma que a loxística xa está preparada para atender a toda a xente que se achegue ao recinto. Os prezos manteranse en niveis populares, con pratos de churrasco por 12 euros e choripáns por 5 euros, ademais do habitual servizo de bebidas. “O obxectivo non é facer negocio, senón cubrir gastos e ofrecer un servizo aos veciños e visitantes”, explican.

A xornada grande chegará o domingo coa misa maior ás 12.30 horas, presidida polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Antonio Valín Valdés, unha presenza que a comisión considera “un orgullo” tras solicitar expresamente a súa participación. A celebración estará cantada pola Coral San Estevo e contará coa Banda de Música Municipal de Redondela na procesión. Durante toda a mañá, a Charanga SGHAE percorrerá a parroquia animando o ambiente antes da sesión vermú. Xa pola tarde haberá unha actuación infantil, “Coa pandeireta na man”, mentres que pola noite a Festa da Xuventude, organizada en colaboración co Concello de Redondela, estará amenizada pola Discoteca Móbil CDC.

Un dos momentos máis especiais desta edición será a bendición dun novo estandarte de San Mamede que a propia comisión doa á parroquia. Trátase dunha peza artesanal elaborada con materiais nobres e bordada con fíos dourados que permanecerá como patrimonio da igrexa para futuras xeracións. “É unha inversión importante, pero pensamos que Quintela debía recuperar un estandarte que levaba anos sen ter. Quedará para as seguintes comisións e para todo o pobo”, explican.

Os organizadores insisten en que as festas seguen mantendo o equilibrio entre a tradición relixiosa e a celebración popular. “As dúas cousas van unidas. A tradición forma parte da nosa cultura e queremos mantela viva”, afirman, ao tempo que lembran que detrás da programación hai meses de traballo voluntario e a colaboración de máis de medio cento de patrocinadores, ademais das achegas dos veciños de Quintela e doutras parroquias do municipio. “Sen esa axuda sería imposible sacar adiante unhas festas destas dimensións”, recoñecen.

A comisión aproveita tamén para facer un chamamento ao relevo xeracional. O seu desexo é que novas persoas dean continuidade a un proxecto que, ademais de organizar as festas patronais, impulsa outras actividades culturais ao longo do ano.

A Comisión agradece, con emoción, a todos os membros o traballo dos últimos anos.
A Comisión agradece, con emoción, a todos os membros o traballo dos últimos anos.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará