O Redondela Fútbol Sala xa ten en marcha a campaña de captación de xogadores e xogadoras para a vindeira tempada, coa intención de seguir medrando na súa estrutura de base e consolidar un proxecto que abrangue desde prebenxamín ata xuvenil. O club mantén abertas as inscricións para nenos e nenas nados entre 2008 e 2020 e anima ás familias a achegarse ao fútbol sala como unha alternativa deportiva centrada na formación, na diversión e nos valores.
O coordinador da base do Redondela FS, Fer Pitart, explica que o principal obxectivo desta campaña é “dar un paso adiante na base” e seguir ampliando a estrutura deportiva do club. Nesta nova tempada, a prioridade pasa por consolidar a categoría prebenxamín, unha incorporación recente á canteira, e continuar completando todos os chanzos formativos para ofrecer un percorrido deportivo completo aos rapaces e rapazas.
Segundo sinala Pitart, o Mundialito da Xunqueira está a servir tamén como escaparate para achegar novos nenos e nenas ao fútbol sala. O coordinador destaca que moitos dos participantes descobren o deporte durante este evento e que esa proximidade facilita que se animen a formar parte do club. “Nas categorías de base tratamos a formación deportiva como prioridade. O importante é que os rapaces desfruten, aprendan e medren pouco a pouco”, explica.
Na actualidade, o Redondela FS ten practicamente cubertas todas as categorías da súa base e mesmo conta con tres equipos xuvenís, unha cifra que reflicte o crecemento experimentado nos últimos anos. Pitart considera que a presenza dun conxunto xuvenil na categoría nacional tamén esperta o interese de novos xogadores, ao ofrecerlles unha vía para continuar progresando dentro da entidade e incluso adestrar co primeiro equipo.
O club continúa ademais coa súa aposta pola integración das nenas nos equipos mixtos, unha realidade cada vez máis habitual. “Aquí son benvidas todas as nenas que queiran xogar. Cada vez hai máis interese polo fútbol sala feminino e iso tamén contribúe a normalizar a súa presenza desde as categorías inferiores”, afirma o coordinador.
Outro dos piares do proxecto é a formación do corpo técnico. Para esta campaña, o Redondela FS contará practicamente cun adestrador por categoría, todos eles vinculados ao club ou ao deporte local, aos que se sumará un novo adestramento específico para porteiros de base dirixido por exxogadores da entidade. “Son persoas con ganas de aprender e de seguir medrando como adestradores, algo fundamental para continuar mellorando a nosa canteira”, destaca Pitart.
Desde o club insisten en que ningún neno ou nena quedará sen oportunidade por incorporarse máis tarde á tempada. A pretempada das categorías de base arrancará unha semana antes do inicio do curso escolar, aínda que a entidade manterá abertas as portas durante todo o ano. “Nunca dicimos que non a un rapaz que queira practicar o noso deporte. Queremos formar persoas, formar deportistas e, sobre todo, que saian dos adestramentos dicindo que o pasaron ben e que queren volver”, conclúe o coordinador.
As persoas interesadas en formar parte da “Marea Azul” poden solicitar información ou formalizar a inscrición chamando aos teléfonos 669 00 52 16 ou 636 71 41 60. O club ofrece prazas nas categorías prebenxamín (2019-2020), benxamín (2017-2018), alevín (2015-2016), infantil (2013-2014), cadete (2011-2012) e xuvenil (2008-2010).
Pitart destacou tamén o bo ambiente que se vive cada tarde no Mundialito na pista da Xunqueira, onde se reúnen numerosas familias para seguir os encontros. Segundo indicou, non se rexistrou ningunha incidencia máis aló da suspensión provocada pola chuvia e a participación está a desenvolverse con total normalidade. En canto ao desenlace do torneo, a organización confirmou que a gran final disputarase o 21 de agosto, xornada na que tamén terá lugar a entrega de premios.










