Luciano Otero e Emiliano Lage
Os concellos de Pazos de Borbén e Fornelos de Montes deron un novo paso na mellora da xestión dos residuos grazas á adquisición conxunta dun vehículo eléctrico de última xeración destinado á recollida separada de biorresiduos. A iniciativa será posible a través dunha subvención obtida de maneira conxunta por ambos os municipios, que compartirán o uso do novo equipamento para reforzar este servizo.
O alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, destacou que este convenio é un exemplo de como a cooperación entre administracións permite desenvolver proxectos que, de maneira individual, serían máis difíciles de levar a cabo. Segundo explicou, a colaboración institucional facilita a optimización dos recursos públicos, amplía a capacidade de prestar servizos á cidadanía e permite aproveitar mellor as oportunidades de financiamento.
Na mesma liña pronunciouse o alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, quen cualificou o acordo como unha mostra de “municipalismo útil”. O rexedor defendeu que a cooperación entre concellos é a mellor fórmula para captar investimentos e mellorar os servizos públicos, sen necesidade de abrir debates sobre posibles fusións municipais.
Ambos os alcaldes coincidiron en sinalar que este proxecto marca o inicio dunha liña de colaboración que terá continuidade no futuro. A intención dos dous gobernos locais é seguir impulsando iniciativas compartidas que permitan ofrecer máis e mellores servizos á veciñanza, ao tempo que se fomenta unha xestión máis eficiente e sostible dos recursos públicos.









