Redondela despide o mes de xullo cunha intensa xornada de espectáculos ao aire libre grazas á XXVII edición do Festival Internacional de Artistas de Rúa, que levará teatro, circo, música e maxia a diferentes espazos do casco urbano e coincide coa Shopping Night organizada pola Asociación de Empresarios de Redondela.
Entre as propostas figuran xogos tradicionais, marionetas, pasarrúas con figuras xigantes, acrobacias, maxia e música urbana. A programación arrancará ás 18:30 horas na Alameda de Castelao con O xogar de Breogán, de Bico de Toupa, e continuará ás 19:15 horas na rúa Salgueiral coa representación de Titiricircus, da compañía Tanxarina, antes do pasarrúas O Minúsculo, os espectáculos de Pablo Méndez Performances e Mago Orbit e o concerto do artista urbano LG1DO.
Un dos protagonistas desta edición será precisamente Tanxarina, unha compañía que leva anos vinculada ao festival. Miguel Borines destaca que o certame “foi medrando” desde as primeiras edicións, nas que predominaban os espectáculos concentrados na Alameda, ata converterse nun evento que ocupa diferentes espazos da vila con propostas itinerantes e de gran formato.
Borines explica que Titiricircus, un dos grandes clásicos de Tanxarina, continúa emocionando ao público décadas despois da súa estrea grazas á combinación de marionetas de fío, humor e participación directa dos espectadores. O espectáculo recupera a memoria do circo tradicional, pero faino cun ton divertido no que “tira moito máis da risa que da nostalxia”.
As marionetas que protagonizan a función, con preto de cincuenta anos de historia, seguen empregándose coa súa estrutura orixinal, converténdose tamén nunha homenaxe ao oficio titiriteiro.
Ademais, a compañía adiantou que prepara a volta de A cazola de Lola, continúa coa distribución de A biblioteca galáctica contra a IA fantástica e está pendente de confirmar unha xira por O Salvador e Guatemala para o mes de setembro.











