O local Brisa Chiringo acollerá este xoves, 23 de xullo, ás 21.00 horas, unha nova edición de Black Night, unha proposta musical que reunirá sobre o escenario ás bandas galegas Layuca e Allo Negro, nunha velada dedicada á música en directo e aos ritmos de raíz afroamericana.
O concerto ofrecerá un repertorio no que o público poderá gozar de estilos como o funk, o soul, o blues e o jazz, combinados con composicións propias e espazos para a improvisación, nun ambiente pensado para desfrutar da música ao aire libre.
A organización destaca a calidade artística das dúas formacións, que presentan propostas con identidade propia e unha ampla traxectoria nos escenarios galegos. O enclave de Brisa Chiringo, situado na praia de Cesantes, converterase así nun escenario privilexiado para unha noite que busca consolidarse como unha das citas musicais do verán na comarca.
As entradas poden adquirirse de maneira anticipada por 10 euros, mentres que o prezo en billeteira será de 12 euros.









