Foto da inauguración da exposición
O Multiusos da Xunqueira acolle durante todo o mes de xullo a exposición de fin de curso do alumnado da área de Artes Plásticas de Pausa Academia, unha mostra que recolle o traballo realizado ao longo de todo o curso e que xa se converteu nunha cita habitual.
Ata o 31 de xullo, os visitantes poden descubrir unha ampla variedade de obras creadas polos alumnos da academia, desde os máis novos ata o grupo de adultos, nunha exposición que reflicte a evolución artística de cada participante. Cada peza exhíbese co seu título, o nome artístico ou pseudónimo do autor e mesmo cun prezo de venda escollido polos propios artistas, unha iniciativa que busca achegar o alumnado á experiencia dunha exposición profesional.
Segundo explica Paula Amoedo, responsable da área de Artes Plásticas, esta proposta tamén serve como incentivo para os estudantes. “O ano pasado vendéronse tres cadros e este ano no que vai de mes xa se venderon cinco. Isto anima e axuda a volver con máis ganas o curso seguinte”, sinala.
A mostra reúne traballos realizados con técnicas moi diversas, como acuarela, lapis de cor, carboncillo, collage ou pintura acrílica, froito do labor desenvolvido durante o curso nas clases impartidas en grupos reducidos de ata doce persoas, o que permite un seguimento individualizado de cada alumno.
Coincidindo coa celebración desta mostra, a academia pecha un segundo curso académico cun balance moi positivo e continúa preparando as súas actividades para os próximos meses, entre elas unha nova edición do “Pausamento”, o seu campamento urbano creativo de verán, que combina arte, inglés, xogos, excursións e visitas culturais.
A exposición pode visitarse no Multiusos da Xunqueira ata o vindeiro 31 de xullo.












