Foto: Sandra bastos e Javier Bas (arquivo)
Os populares de Redondela valoran presentar un recurso contra a sentenza favorable á suba da taxa do lixo e anuncian que “revogarán a ordenanza se gobernan en 2027”. Sobre o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que avalou o incremento da taxa do lixo e desestimou o recurso contencioso-administrativo presentado polo PP, Javier Bas sinala que “acatamos o fallo, pero non compartimos o seu contido”, polo que analizan unha posible casación ante o Supremo.
O grupo municipal do PP de Redondela vén de valorar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que ditamina a legalidade da nova ordenanza da recollida do lixo –cunha suba media do 165% e máis dun 300% para moitos negocios– amosando o seu respecto e acatamento a este fallo, pero expresando a súa discrepancia no contido, polo que anunciou que xa está a valorar a posible interposición dun recurso de casación ante o Tribunal Supremo (TS) “dado que existe bastante xurisprudencia favorable á tese dos populares para que as taxas se axusten realmente ao nivel de xeración de lixo real de cada contribuínte”.
O voceiro municipal, Javier Bas considera que os razoamentos do tribunal son “débiles e pouco convincentes” ao centrarse exclusivamente na necesidade de actualizar as tarifas vixentes desde o ano 2008 e de buscar o equilibrio e o autofinanciamento do servizo de recollida de lixo, pero sen centrarse na cuestión principal do recurso do PP “que se centraba en que o reparto dos custes era inxusto, posto que moitas actividades comerciais con apenas xeración de lixo tiñan que pagar centos de euros anuais e incluso por riba doutras con máis residuos”.
“A ordenanza aprobada por PSOE, BNG e AER se limita a buscar que a recadación global da taxa sume os 2,4 millóns de euros que, supostamente, custa o servizo cada ano, pero non motivou o reparto dos custes entre as distintas actividades e contribuíntes e tampouco se preocupou de que as tarifas garden relación coa xeración real e efectiva de lixo, polo que incumpre o principio de ‘quen contamina, paga’ e xera desigualdades e inxustizas flagrantes”, manifestou o edil, que insistíu en que a sentenza baséase no equilibrio orzamentario do servizo, que é algo que recolle a lei.
En todo caso, e con independencia do resultado xudicial final deste caso, Javier Bas anunciou que o PP de Redondela derogará esta ordenanza se chega ao goberno tras as eleccións municipais de 2027 e abrirá un proceso de escoita e busca de consenso cos cidadáns para dispoñer dun panorama fiscal para a recollida do lixo que sexa “xusto, equitativo, razoable e posiblemente algo máis asequible, sobre todo para os negocios”.









