O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy de Cesantes amosa a súa preocupación polo “lamentable estado” no que se atopa a senda que percorre o río Pexegueiro con kilos de lixo amoreado as súas beiras e que converten algún dos seus tramos “nun auténtico vertedoiro”. Lamentan tamén a retirada de árbores levada a cabo polas institución o que provoca que os sendeiristas carezan dalgunha sombra baixo a cal protexerse do sol.
Os integrantes da asociación cultural explican que se decataron do estado lamentable da senda logo de participar no roteiro ambiental “A ribeira do río Pexegueiro”, organizado polo Concello de Redondela. “ao chegar ás inmediacións do muíño do Rato, preto da curva da Pantalla, quedamos abraiados pola enorme cantidade de lixo e refugallos espallados á beira do sendeiro”.
Engaden que os traballos de limpeza da vexetación realizados polas administracións deixaron ao descuberto unha importante acumulación de residuos que ninguén se preocupou de retirar, malia coñecer que ese tramo ía formar parte dun roteiro ambiental. Ademais, a actuación realizada eliminou practicamente toda a vexetación arbórea, sen deixar exemplares que proporcionasen sombra aos camiñantes durante o percorrido.
As persoas participantes neste primeiro roteiro do ano expresaron a súa preocupación e o seu desacordo coa forma na que se está a xestionar a Senda do río Pexegueiro, un espazo creado para gozar da biodiversidade e dunha paisaxe de grande valor natural que, polo menos no tramo mencionado, presenta unha imaxe máis propia dun vertedoiro ca dun itinerario ambiental.
Desde o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy de Cesantes solicitan ao Concello de Redondela que adopte as medidas necesarias para retirar os residuos existentes e garantir que a Senda do río Pexegueiro se manteña en condicións axeitadas de limpeza e conservación atendendo a que se “trata dun espazo natural que merece ser coidado e que é visitado por persoas procedentes de diferentes puntos da provincia para o seu coñecemento, uso e desfrute”.










