O Concello de Soutomaior instalará unha pantalla xigante este domingo, 19 de xullo, no Peirao de Arcade para que toda a veciñanza se achegue a animar á selección española de fútbol masculino na final do Mundial 2026. Así o vén de anunciar o goberno local quen explicou que a decisión adoptouse logo de chegar a un acordo coa Asociación de Empresarios de Arcade-Soutomaior.
Engaden que durante todo o mundial dende o Concello valorouse que era importante “para os negocios locais que os partidos se puidesen seguir nos establecementos de hostalaría do noso municipio, favorecendo que este gran evento deportivo tamén repercutise positivamente na economía local”. Con todo, logo de reunise coa Asociación de empresarios e, de cara á gran final do domingo, acordaron instalar unha pantalla xigante no Peirao de Arcade dende a cal se poderá seguir o partido entre España e Arxentina que se celebra este domingo ás 21:00 horas.
Convidan así á veciñanza “a vivir xunta esta gran cita co fútbol, disfrutando do mellor ambiente e apoiando ao mesmo tempo a hostalaría ao longo de toda a xornada”.









