Presentación das bandeiras na alameda.
Redondela converterase este sábado no epicentro do remo estatal coa celebración da VI Bandeira Masculina Chapela-Concello de Redondela e da quinta xornada da Liga Euskotren feminina, que se disputa baixo o nome de Bandeira Ametsa Obras. O paseo marítimo de Chapela será escenario, por primeira vez en Galicia, dunha xornada puntuable da Liga ACT, reunindo ás mellores tripulacións do panorama estatal.
A presentación oficial das dúas bandeiras celebrouse na praza do Concello coa participación da alcaldesa, Digna Rivas; o concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro; o presidente do Club de Remo Chapela, Antonio Viaño; e o membro da Xunta Directiva da ACT, Daniel Vázquez.
A competición arrancará ás 17.25 horas coa Bandeira Ametsa Obras, correspondente á quinta xornada da Liga Euskotren, na que competirán as oito mellores tripulacións femininas da cornixa cantábrico-atlántica. A continuación, ás 18.20 horas, disputarase a VI Bandeira Masculina Chapela-Concello de Redondela, sexta proba puntuable da Liga ACT e a primeira desta competición que se celebra en terras galegas.
O Club de Remo Chapela, recentemente ascendido á máxima categoría do remo estatal, exercerá como anfitrión da cita. A embarcación redondelá afronta esta histórica regata despois dun inicio de tempada esixente na Liga ACT. Hai unha semana asinou en Zierbena o seu mellor resultado ata o momento, cunha destacada sétima posición, mentres que na última xornada, disputada en Castro Urdiales, rematou no duodécimo posto da clasificación xeral tras ser cuarta na súa quenda. Malia a irregularidade propia dunha estrea na elite, o equipo dirixido por Juan Zunzunegui continúa sumando experiencia e demostrando que pode competir de ti a ti cos mellores clubs do Estado.
O seu presidente, Antonio Viaño, amosouse convencido de que a xornada sorprenderá ao público que se achegue por primeira vez a unha regata da ACT.
“Quen aínda non coñece a Liga ACT vai descubrir un espectáculo único. É unha competición que move miles de persoas, cun enorme seguimento no País Vasco e Cantabria e cun ambiente que vai moito máis alá da propia regata. Quero convidar á veciñanza de Chapela e de toda Redondela a achegarse por curiosidade porque estou seguro de que lles vai gustar. É un evento comparable ás grandes citas doutras disciplinas deportivas”, explica Viaño. A competición reúne moito público, xera un importante impacto económico e, sobre todo, transmite a paixón polo remo, un deporte que no norte forma parte da cultura e da identidade da súa xente. “Oxalá Galicia tamén poida vivir este deporte con mesmo entusiasmo que no País Vasco”, sinala.
A organización estima que máis de 3.000 persoas se desprazarán ata Chapela durante a fin de semana. O Concello salienta o importante impacto económico que terá a competición para a hostalaría, o comercio e os establecementos hoteleiros da zona.
Para facilitar o seguimento das regatas instalarase unha gran Fan Zone con pantallas xigantes, onde o público poderá seguir en directo o desenvolvemento das probas e gozar dunha ampla oferta gastronómica e de actividades durante toda a tarde.
A alcaldesa, Digna Rivas, cualificou a chegada da Liga ACT como un “fito histórico” para Redondela e destacou o traballo realizado polo Club de Remo Chapela e por todas as persoas implicadas na organización para facer posible un evento deportivo destas características. Tamén animou á veciñanza a achegarse ao paseo marítimo de Chapela para apoiar á tripulación local e gozar dun espectáculo deportivo de primeiro nivel.









