O Círculo recreativo de Chapela da a benvida ao verán cun programa de actividades que combinará música, tradición gastronómica e iniciativas solidarias durante o mes de xullo. Unha das citas desta fin de semana será a Festa da Navalla que se desenvolverá na Alameda de Chapela o domingo.
As celebracións arrancarán os días 4 e 5 de xullo na Alameda Rosalía de Castro. O sábado 4, ás 20.00 horas, celebrarase un Festival de Corais no que participarán a Coral Polifónica de Arbo, o Coro Enarmonía de Vigo e a Coral Polifónica Frol Nova, ofrecendo ao público un repertorio de música coral. A programación continuará o domingo 5 coa tradicional Festa da Navalla, que se desenvolverá entre as 12.00 e as 21.00 horas.
Durante a xornada, o medio milleiro de asistentes que a organización espera durante a xornada poderán degustar uns 250 kilos de navallas á prancha así como en empanada de millo e trigo. Haberá tamén choripán e polvo.
Unh fin de semana intensa que dará paso o vindeiro sábado 11 de xullo a unha Andaina Solidaria Chapela–Vigo–Chapela, unha marcha nocturna de aproximadamente 10 quilómetros que discorrerá pola Senda Verde do Camiño de Santiago. A concentración dos participantes está prevista para as 21.00 horas no antigo apeadoiro do tren de Chapela, ao final da rúa Estación, mentres que a saída será ás 21.30 horas.
O percorrido levará aos camiñantes ata o centro comercial Vialia de Vigo, onde haberá un punto de avituallamento, antes de regresar novamente a Chapela.
A inscrición ten un custo de 15 euros para persoas adultas, 10 euros para menores e 5 euros para quen desexe colaborar co chamado “dorsal 0”. O importe inclúe unha camiseta conmemorativa, auga e avituallamento.
A recadación destinarase integramente a fins solidarios e repartirase a partes iguais entre Cáritas Redondela e Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS).
O Círculo Cultural Recreativo de Chapela, entidade organizadora, conta coa colaboración dos concellos de Redondela e Vigo, da Xunta de Galicia e do programa Xacobeo 2027 para o desenvolvemento desta iniciativa, que busca promover hábitos saudables, impulsar o Camiño de Santiago e fomentar a solidariedade a través da participación cidadá.









