Fotos do Arealonga FS
O equipo infantil feminino do Arealonga FS Chapela rematou a súa participación no Campionato de España de Clubs Base celebrado na localidade madrileña de Las Rozas cun cuarto posto nacional, unha experiencia que quedará gravada na historia do club.
As xogadoras sub-14 disputaron a competición estatal este pasado fin de semana en Madrid. Na primeira eliminatoria, celebrada o sábado 27 de xuño, caeron por 3-5 fronte ao Ripollet FS de Cataluña nun partido intenso e moi igualado. Na última xornada, as rapazas do Arealonga FS caeron por 3-4 fronte ao Colo Colo Entrerríos Automatización de Zaragoza, nun duelo que reflectiu o elevado nivel dos conxuntos participantes. Con este resultado, o conxunto de Chapela pechou a súa participación como cuarto mellor equipo de España.
Máis alá do resultado final, o club destaca o compromiso, o talento e a paixón mostrados polas xogadoras durante toda a experiencia. “Ser cuartas de España é un orgullo para toda Chapela e para todas as persoas que forman parte desta gran familia”, sinalaron dende a entidade. O Arealonga FS agradece o labor do corpo técnico, o apoio das familias, das institucións e da afección que acompañou o equipo neste soño: “Este cuarto posto non só supón un recoñecemento ao traballo de anos, senón tamén unha motivación para seguir apostando polo fútbol feminino na base”.
Na categoría Sub-14, o título foi para o AD Alcorcón FSF, que se proclamou campión de España xunto a Saraiba Do Mar (Sub-10), Sant Joan Despí CFS (Sub-12), Almagro FSF (Sub-16) e AD Alcorcón FSF (Sub-19) nos outros niveis.






















