O plan de restauración da Consellería do Mar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), remunera de xeito directo o traballo do propio sector nas praias. Así, as 47 profesionais implicadas de Arcade recibirán unha compensación de ata 700 euros ao mes por participar activamente en tarefas de semicultivo, acondicionamento do substrato, control de depredadores, vixilancias nocturnas e mostraxes científicas.
O convenio coa confraría de Arcade supón un investimento de 342.945,46 euros para actuar de xeito directo en ata 10 bancos marisqueiros, protexendo o territorio comprendido entre a caseta do Ceboleiro e a pedra dos Caralletes, un ámbito que ampara o espazo natural da Enseada de San Simón. O plan de actuación deseñado para as 47 mariscadoras locais pon especial atención no acondicionamento do substrato do Puntal, a área máis afectada pola acumulación de restos vexetais tras os temporais.
A Consellería do Mar vén de asinar un convenio de colaboración coa confraría “Virxe do Carme” de Arcade por un importe global de case 353.000 euros. Encádrase esta subvención no plan extraordinario de case 23 millóns de euros activado pola Xunta para recuperar a produtividade dos bancos danados polos episodios de baixa salinidade deste inverno.
A folla de ruta de Arcade contempla a sementeira de 805.555 unidades de ameixa e a realización de labores intensivos de control e retirada de depredadores coma o cangrexo común e a ouxa, recollendo ademais datos científicos sobre a presenza na zona do caracol mariño Tritia neritea. Estas tarefas complementaranse con traballos de campo de rareos e traslados selectivos -de ameixa para favorecer o desove e de berberecho para potenciar o engorde-, así como quendas estables de vixilancia e mostraxes de seguimento de stocks.









