Hoxe é Xoves 25 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Abel Lomba: “O obxectivo era devolver o Soutomaior a Primeira e conseguímolo”

WhatsApp Image 2026-06-25 at 13.38.33 (1)
Entrevista completa con Abel Lomba.

O C.D. Soutomaior converteuse no gran triunfador dos play-off de ascenso ao superar ao S.D. Romay na final da promoción e certificar o ascenso a Primeira Futgal. Tras imporse por 1-2 na ida a domicilio, o conxunto rematou o traballo cun triunfo por 1-0 no Campo Graciano Padín, selando o seu retorno á categoría e facéndoo na casa.

Abel Lomba, adestrador do equipo, destacou o mérito dun grupo que superou múltiples adversidades. “Estamos moi contentos e moi satisfeitos da tempada realizada porque custou moito. Desde o inicio tivemos un montón de contratempos a nivel de lesións, enfermidades, houbo situacións persoais que incluso apartaron a certos xogadores en algún momento do grupo e parecía que todo viña mal, todo se torcía”, explicou Lomba.

A pesar dos obstáculos, o equipo mantivo a fe no obxectivo marcado desde o primeiro día. “Desde a xornada cero, o obxectivo do club, dos xogadores e o meu a nivel persoal era volver a ascender ao Soutomaior a primeira. Si que é verdade que houbo un tramo da tempada, entre outubro e novembro, que o mirabamos lonxe, pero seguimos crecendo”, engadiu o técnico.

A segunda volta foi clave para impulsar ao equipo cara aos play-off, onde mostrou unha gran solidez. Lomba valorou especialmente o rendemento defensivo e a capacidade para interpretar os momentos dos partidos. “Non somos o mellor equipo en canto a defensa esta tempada, pero tentamos virar esa debilidade”, sinala.

O adestrador destacou o compromiso e a fortaleza mental do grupo como factores determinantes. “O equipo soubo superar todas as adversidades que lle foron xurdindo en cada momento da tempada e ao final nos metemos no playoff, incluso chegamos a soñar co ascenso directo que parecía algo imposible”, sinalou.

A nivel deportivo, Lomba explicou que non inventou nada novo, senón que propuxo ideas claras que o equipo abrazou desde o principio. “O grupo ten unha calidade futbolística que é grande. Simplemente propuxemos catro ideas e catro conceptos que tiñan que ser transversais ao longo de toda a tempada, cos que o equipo se sentise identificado. Sempre fomos fieis ao que propuxemos desde o primeiro día”, afirmou.

Entre as actuacións individuais, brillou o dianteiro Carlos, que marcou 31 goles entre liga, copa e play-off. “Fixo unha tempada para min de 10. Non vou dicir que foi o artífice das vitorias porque é un traballo colectivo, pero si que ao final sempre estivo aí para poder rematar os partidos, goles importantes de abrir a lata, de empatar, o gol da remontada. Sempre estivo nos momentos claves e importantes”, eloxiou Lomba.

Respecto ao futuro en Primeira Futgal: “É a segunda vez que o club vai estar en primeira. Ven emerxendo, véñense facendo as cousas moi ben e ten unha directiva que está a traballar para que o club progrese. A categoría na que debe estar hoxe en día é en Primeira Futgal”, comentou.

De cara á próxima tempada, o principal reto será consolidarse. “Despois de volver a primeira, o primeiro gran obxectivo debería ser salvar a categoría, consolidarse na categoría e a partir de aí por que non soñar cun novo salto?”, sinala.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará