Hoxe é Mércores 24 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As rebaixas chegan a Redondela cunha nova edición de Comercio na rúa

comercio na rúa

A campaña “Comercio na Rúa” regresa os días 26 e 27 de xuño cun amplo programa de animación, unha Feira da Saúde e dúas grandes festas infantís como principais novidades desta edición. Durante as dúas xornadas, case medio cento de establecementos ofrecerán descontos, promocións especiais e un adianto exclusivo das rebaixas de verán.

A vila de Redondela prepárase para vivir a celebración dunha nova edición de Comercio na Rúa, a campaña de dinamización impulsada pola Asociación de Empresas de Redondela que converterá o centro urbano nun gran escaparate ao aire libre os días 26 e 27 de xuño.

A iniciativa, que conta co financiamento da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Redondela, ten como obxectivo fomentar as compras no comercio de proximidade coincidindo co inicio da tempada de rebaixas.

Ademais da actividade comercial, a edición deste ano reforza a súa aposta polo lecer familiar cun programa de animación que encherá as rúas de música, cor e diversión para todos os públicos.

Feira da Saúde, Festa Holi e festa da espuma

 A programación arrancará o venres 26 coa primeira edición da Feira da Saúde, que se desenvolverá durante toda a xornada na Alameda de Castelao. O evento incluirá actividades divulgativas, demostracións e propostas orientadas á promoción de hábitos de vida saudables.

Xa pola tarde, as rúas comerciais acollerán diversas actividades para as familias e os máis pequenos, antes de dar paso a un dos momentos máis esperados da campaña: a Gran Festa Holi, prevista para as 19:30 horas. O evento combinará música, animación e os tradicionais polvos de cores, convertendo o centro da vila nun espazo de celebración e participación.

O sábado 27 a actividade continuará a partir das 17:00 horas con diferentes propostas repartidas pola zona comercial. Os asistentes poderán desfrutar de sesións de pintacaras, obradoiros de globos de cores, pintura no chan, xogos tradicionais e un photocall temático da campaña.

A programación culminará ás 19:30 horas cunha Festa da Espuma, que contará cun canón profesional, música e unha zona especialmente acondicionada para garantir a seguridade dos participantes.

Consolidada xa como unha das accións de promoción comercial con maior participación e repercusión en Redondela, Comercio na Rúa busca dinamizar a actividade económica local e reforzar a conexión entre comerciantes e consumidores. Desde a Asociación de Empresas de Redondela fan un chamamento á veciñanza para aproveitar as ofertas e promocións dos establecementos participantes, gozar das actividades programadas e apoiar un sector fundamental para a vida económica e social da vila.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará