A noite máis máxica do ano xa ten todo preparado nas parroquias de Redondela. As celebracións de San Xoán en Cabeiro, Cesantes, no Meirande (Rande), O Viso, Quintela, Santo Estevo de Negros, Soutoxuste e Ventosela (Miñoteira) encherán de lume, música, gastronomía e tradición a noite do 23 ao 24 de xuño, nunha edición especial na que o festivo do día de mañá permitirá prolongar a festa ata altas horas da madrugada. O Concello autorizou tamén máis de 60 fogueiras que se prenderán en leiras particulares. En Chapela haberá festa pero sen fogueira.
A Concellería de Medio Ambiente confirmou a concesión de oito permisos para a realización de fogueiras organizadas por centros culturais e asociación en diferentes puntos do municipio, mentres que en Chapela tamén haberá programación festiva, aínda que sen lume debido ás limitacións do espazo escollido para a celebración, o paseo de Cardona.
Cabeiro converterase nun dos epicentros festivos do San Xoán redondelán cun programa que se estenderá durante tres días. A noite do 23 comezará cunha gran sardiñada e viño amenizada pola charanga SGAE, seguida da fogueira, fogos artificiais e a actuación da orquestra Ritmo Joven. A programación continuará os días 24 e 25 con pasarrúas, concertos da Banda de Música Municipal e da Agrupación Musical de Redondela, sesións vermú, misas e actuacións musicais, ademais do tradicional trofeo de petanca.
En Cesantes, o Club de Remo CCD Cesantes, logo do acto vandálico desta noite que destruíu a fogueira prevista a tras reconstruir a estrutura contrarreloxo, organiza unha completa programación arredor da gran fogueira. A partir das 20.00 horas haberá sardiñada e churrasco, seguidos de música en directo e da presentación das categorías do club. Á medianoite prenderase a fogueira, acompañada dunha queimada e dunha sesión musical con DJ ata a madrugada.
En Quintela o San Xoán chega acompañado da música rock cos grupos Chocolate Sexy e Refugallo Rock. E para recuperar forzas haberá sardiñas, choripán e churrasco. A cita arrancará ás 21:00 horas nas inmediacións da sede da asociación cultural.
En Rande, a Asociación Cultural e Deportiva celebrará a tradicional Fogueira de San Xoán na área de lecer do Rabicho. A programación arrancará ás 21.30 horas cunha gran sardiñada e troula para todos os asistentes. A festa contará tamén coa actuación do grupo de pandeireteiras Ledicia de Trasmañó.
Pola súa banda, Santo Estevo de Negros recupera unha celebración vinculada ás tradicións do solsticio de verán. A noite de San Xoán incluirá sardiñada e viño gratuítos para os asistentes, animación musical con gaitas e o acendido da fogueira á medianoite.
Tamén Soutoxuste celebrará a noite con festa, fogueira na casa do Pobo. Haberá sardiñas a prezos populares nunha noite amenizada con música do Dúo Fusión e onde non faltará a tradicional queimada.
Ventosela apostará tamén pola tradición coa súa gran sardiñada popular organizada pola Asociación Veciñal Deportivo Cultural A Miñoteira. Os asistentes poderán degustar sardiñas por cinco euros o prato, mentres que os socios recibirán o primeiro de balde. A celebración rematará cun sorteo dun xamón entre os participantes.
Na parroquia do Viso, a Comisión de Festas Virxe das Dores programa unha noite festiva con actuación musical de Carlos Mariano a partir das 22.00 horas. Ás doce da noite terá lugar o prendido da fogueira e o tradicional reparto de queimada, para continuar coa festa amenizada polo DJ Rodri Vegas. Ademais haberá servizo de bar, bocadillos e sardiñas.
En Chapela a festa prescindirá da fogueira ante a imposibilidade de obter os permisos necesarios para o seu prendido no paseo de Cardona. Con todo, haberá música con Terapia de Grupo e a Disco Móbil CDC así como sardiñas, churipán e churrasco a prezos populares a partir das 20:30 horas.
Deste xeito, Redondela prepárase para vivir unha intensa noite de San Xoán na que o lume purificador, a música, a gastronomía popular e as tradicións volverán ser protagonistas en diferentes parroquias do municipio, consolidando unha das celebracións máis participativas e arraigadas do calendario festivo local.


















