Hoxe é Martes 16 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Multideporte e novidades no Campus de Verán do Club de Remo Cesantes

WhatsApp Image 2026-06-16 at 10.53.37 (3)

O Club de Remo Cesantes prepara unha nova edición do seu campus de verán,  unha proposta que combina a práctica do remo con múltiples actividades lúdicas e deportivas no entorno da praia de Cesantes e en localizacións do centro da vila e da contorna.

Entre as principais novidades deste 2026 destaca a incorporación de dúas novas embarcacións de banco móbil, unha modalidade na que o club decidiu investir e que permitirá aos participantes probalas . “É unha modalidade que non tiñamos antes, xa que estamos máis especializados en banco fixo, pero como se está poñendo de moda e será olímpica nos Xogos de Los Ángeles 2028, decidimos apostar”, sinalou Iván Silva.  Estas novas embarcacións permitirán aos nenos e nenas coñecer o beach sprint, unha modalidade explosiva de remo costeiro que combina carreira na area e navegación no mar.

Ademais, o club incorpora o Plan Madruga, que permite deixar aos rapaces desde as 8:30 horas sen custo adicional. “Haberá sempre un monitor desde as oito e media para que poidan facer xogos libres ou outras actividades”, explicou. Outra facilidade é a presenza dun monitor na parada de bus da Farola ás 9:00 horas para acompañar aos nenos ata a praia.

O campus está dirixido a nenos e nenas de 6 a 16 anos, ampliando este ano a idade mínima. As actividades divídense en dous grupos por idades aproximadas, con rotación pola mañá entre remo e outras propostas: xogos, deportes, actividades de orientación, xincanas ou buscas do tesouro adaptadas a cada grupo. Tamén se incrementarán as excursións e rutas, incluíndo saídas á illa de San Simón e intercambios co Campus Multideporte de Redondela.

O prezo é de 130 euros por mes completo, con descontos para irmáns. Tamén existe a posibilidade de inscrición por quincenas. As prazas son limitadas. “Non se trata só de remo, queremos que sexa un campamento multidisciplinar, dentro dunha perspectiva máis de diversión e non tanto de adestramento”, subliñou Iván Silva. 

O obxectivo é dar a coñecer este deporte aproveitando as condicións ideais da praia de Cesantes, e ofrecer unha experiencia náutica accesible para todos, sen necesidade de experiencia previa.

Máis detalles nas redes sociais do Club de Remo Cesantes. 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará