Fotos de MAChremo
O Club de Remo Chapela participou esta fin de semana no LXXIX Campionato de España de Traiñeiras, celebrado en Meira (Moaña) os días 13 e 14 de xuño de 2026 medíndose cos mellores clubs do panorama estatal.
A entidade de Chapela chegaba á cita nacional tras unha brillante actuación no Campionato Galego. Alí, Chapela-Wofco proclamouse campión galego na categoría absoluta masculina e un segundo posto na categoría feminina e de veteranos.
Os resultados máis destacados do Club de Remo Chapela foron os seguintes:
- Veteranos mixtos: 4º posto. A categoría foi dominada pola Esteirana, que se proclamou campioa de España, seguida da traiñeira vasca de Zumaia e do Club de Remo Muros. Chapela quedou ás portas do podio nunha regata de gran nivel.
- Absoluto feminino: 5º posto. As remeiras de Chapela volveron confirmar a súa progresión tras o segundo psoto galego, competindo cos mellores equipos estatais.
- Absoluto masculino: 7º posto. Os beretes, que chegaban como campións galegos, non puideron repetir, pero mantivéronse entre as mellores traiñeiras do país nun campionato de enorme esixencia.
O Campionato de España repartiu os títulos entre clubs galegos e vascos, históricos liderando a disciplina. Na categoría de veteranos mixtos, o título foi para a Esteirana, por diante de Zumaiako e Muros, mentres que Chapela rematou cuarta.
En absoluto feminino, a vitoria correspondeu á traiñeira vasca Arraun Lagunak, seguida por Orio e Salgado-Perillo, coa embarcación chapeleira ocupando a quinta posición.
Finalmente, no absoluto masculino, o campionato quedou en mans de Orio, que confirmou o seu dominio estatal, acompañada no podio por CR Kaiarriba e Zierbena e Cabo de Cruz, mentres que Chapela concluíu nun meritorio sétimo posto.
A representación galega volveu ter un papel destacado no campionato, especialmente nas categorías veteranas e femininas, aínda que a tradicional fortaleza dos clubs vascos acabou marcando as clasificacións finais das categorías absolutas.











