Hoxe é Luns 15 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior quece motores para a celebración de Orghullosa, a terceira festa das identidades diversas e disidentes

orghullosa2025

O programa, que se desenvolverá os días 26 e 27,  inclúe actividades culturais, obradoiros, música, unha andaina interpretativa e unha gran Festa Holi para reivindicar a diversidade e os dereitos LGTBIQ+. O pregón correrá a cargo de Alicia Arruti quen no 2023 converteuse na primeira adolescente galega en acudir ao rexsitro  civil para cambiar de sexo. Tamén participará Carlos Callón, quen manterá unha conversa arredor do seu libro Vida e historia LGBT da Idade Media. Nalgunhas das actividades compre inscrición previa antes do 22 de xuño.

A programación da III edición do Orghullosa combina actividades culturais, participación veciñal, propostas para todos os públicos e accións de sensibilización co obxectivo de continuar construíndo espazos máis inclusivos, diversos e seguros.

Unha das iniciativas destacadas desta edición volve a ser a campaña “Fiestras Orgullosas”, mediante a cal o Concello pon a disposición das persoas empadroadas bandeiras do orgullo LGTBIQ+ para decorar fiestras e balcóns dos seus fogares. As bandeiras poderán recollerse no Centro de Benestar Integrado (CIM) e nas dependencias municipais ata finalizar existencias.

A Orghullosa abrirá espazos para o diálogo e a reflexión coa participación do escritor e filólogo Carlos Callón, o venres 26 de xuño, quen manterá unha conversa arredor do seu libro Vida e historia LGBT da Idade Media. O encontro, previsto para as 20.30 horas na Carballeira, permitirá achegarse á evolución da diversidade afectivo-sexual e de xénero en Galicia ao longo da Idade Media, desmontando moitos dos prexuízos existentes sobre este período histórico.

A programación tamén inclúe a andaina “Caritaina. Historia e Paisaxe” o sábado 27 de xuño, unha ruta circular de aproximadamente oito quilómetros e dificultade media que partirá ás 10.00 horas do peirao de Arcade. O percorrido permitirá descubrir espazos de grande valor natural e histórico, atravesando Pontesampaio e chegando ao miradoiro da Caritaina, cunhas privilexiadas vistas sobre a ría de Vigo. As inscricións para participar nesta actividade estarán abertas do 15 ao 22 de xuño e ofertaranse un total de 50 prazas.

A xornada do 27  de xuño tamén contará coa lectura do pregón a cargo de Alicia Arruti, ás 13.30 horas na Carballeira, e cunha sesión vermú protagonizada por O Rabelo e Nenaza, que mesturarán música tradicional, tecno e reguetón.

A Carballeira de Arcade acollerá, un ano máis, o Mari Picnic, unha proposta participativa na que se anima á veciñanza a compartir comida, música e convivencia.

A creatividade terá un papel protagonista cos distintos laboratorios da diversidade. Así, desenvolverase un obradoiro de bordado no que as persoas participantes personalizarán fundas para móbil inspiradas nos símbolos do orgullo LGTBIQ+, así como un taller de creación de broches de arxila. As inscricións para ambas actividades estarán abertas do 15 ao 22 de xuño e as prazas serán limitadas.

Ás 19.00 horas, a narradora Cris de Caldas ofrecerá unha sesión de contacontos diversos dirixida ao público familiar, mentres que ás 20.00 horas terá lugar o laboratorio “Bailando en liberdade”, impartido por Marcelo Dobode, unha proposta para gozar das danzas tradicionais desde a libre expresión e a celebración da diversidade.

A programación da tarde continuará ás 21.00 horas na Carballeira coa actuación de Ashyllei Ferraro, Miss Gay Brasil 2005, que ofrecerá un espectáculo cheo de música, cor e reivindicación. O show, deste veciño do concello, converterase nun dos momentos máis destacados desta terceira edición da Orghullosa.

A terceira edición da Orghullosa culminará ás 21.30 horas coa Festa Holi Diversa, na Carballeira. Miles de cores encherán Soutomaior nunha celebración colectiva do orgullo, acompañada por música en directo cun DJ e coa entrega de bolsas que incluirán camiseta, polvos holi biodegradables e pintura facial arco da vella.

A concelleira Martínez Boullosa destacou que a Orghullosa “é moito máis que unha programación festiva; é unha ferramenta de visibilización, convivencia e defensa dos dereitos das persoas LGTBIQ+, que contribúe a facer de Soutomaior un municipio máis libre, diverso e respectuoso”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará