O local Brisa Chiringo na praia de Cesantes volverá converterse o vindeiro sábado día 20 nun punto de encontro para a música e a solidariedade coa celebración da terceira edición do Festival Diarama, unha iniciativa impulsada pola ONG Da Man. Haberá sesión vermú e concertos a partir das 19:00 horas. Todo o recadado destinarase a financiar os proxectos da ONG en Senegal.
A xornada arrancará ás 13.00 horas cunha sesión vermú de acceso libre protagonizada pola artista Antía Pinal. Como novidade, os asistentes poderán desprazarse ata Cesantes a bordo do Choco-tren, cun paquete que inclúe a viaxe, vermú e tapa por un prezo de sete euros. As saídas realizaranse desde a Fonte de Santiago ás 11.00 e ás 12.00 horas.
Xa pola tarde, a partir das 19.00 horas, o festival ofrecerá unha programación musical e cultural que contará coas actuacións de Antón Ke, un espectáculo de danza africana, o grupo El Cuarto de Tula, Chocolate Sexy e a sesión de Lareirinha DJ.
A entrada solidaria terá un custo de dez euros e incluirá a primeira consumición. Os billetes poden adquirirse no propio Brisa Chiringo, no local de hostalaría O Funil, no Kiosco Cocó e en Copy Redondela. A organización lembra que o aforo é limitado e anima á veciñanza a reservar a súa entrada con antelación.
Ademais da programación musical, haberá postos de comida para cear ao longo da noite, completando unha proposta que combina ocio, cultura e cooperación internacional.
O evento busca recadar fondos para garantir a continuidade dos proxectos educativos e sanitarios que a entidade desenvolve en Senegal. O festival toma o seu nome da palabra “Diarama”, que significa “grazas” en peul, unha das linguas faladas no país africano.










