O Concello de Redondela anuncia a renovación integral do Camiño da Vella e o Camiño da Ferreira, na parroquia de Cesantes, que incluirá a pavimentación e a mellora da drenaxe. O obxectivo é mellorar o estado de dúas vías que presentan un importante deterioro facilitando así a mobilidade e o propio acceso á praia.
Actuarase nunha superficie de máis de 2.500 metros cadrados. A renovación dos camiños beneficiará especialmente á contorna do campo de San Pedro, cunha mellor comunicación entre o torreiro da Igrexa e a praia, e ás familias usuarias da Escola Infantil San Pedro, así como a todas as persoas que se desprazan ao areal da parroquia.
Os traballos técnicos centrarase en renovar por completo a capa de rodadura cun firme de aglomerado asfáltico en quente que melloraran totalmente estes accesos. O concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villar, sinalou que as obras supoñen unha gran mellora na mobilidade na contorna do campo de San Pedro e a EEI de Cesantes “garantindo un acceso moito máis cómodo e seguro para os cativos e as familias”. Así mesmo, o edil destacou o impacto positivo que terá a actuación na mobilidade diaria de toda a parroquia, xa que permitirá “unha mellor comunicación entre o torreiro da igrexa de San Pedro ata a praia de Cesantes”.
O proxecto presta unha especial atención ao sistema de canalización de augas pluviais coa limpeza profunda de todas as gabias e taludes lindeiros e instalarase unha canaleta de recollida de augas.
O orzamento para licitar o proxecto ascende a 65.000 euros, que será financiado en parte cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) de 53.915 euros, dentro do plan de Axudas a Camiños Rurais.









