Hoxe é Martes 9 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Xosé Manuel Beiras, Aurora Marco e o Servizo de Comunicación do Celta, Premios Lois Peña Novo 2026

premios

Os Premios Lois Peña Novo celebran este ano a súa trixésima edición recoñecendo tres referentes na defensa e promoción da lingua galega desde ámbitos tan diversos como a política e o pensamento, a investigación e a comunicación deportiva. O xurado acordou conceder os galardóns de 2026 a Xosé Manuel Beiras Torrado, Aurora Marco López e ao Servizo de Comunicación do Real Club Celta de Vigo. A entrega dos Premios terá lugar o vindeiro 2 de xullo na Casona da Torre de Redondela.

No caso de Xosé Manuel Beiras, o premio distingue unha longa, coherente e exemplar traxectoria de máis de seis décadas ao servizo da dignificación de Galicia e da súa lingua. O xurado puxo en valor a súa obra intelectual, o seu labor docente e universitario, así como a súa presenza institucional e intervención pública. Destacou tamén a contribución de proxectos como a Revista de Economía de Galicia e dunha obra de referencia como O atraso económico de Galicia, que contribuíron decisivamente a consolidar o galego como lingua de análise económica e social.

Pola súa banda, a profesora univesitaria, investigadora e escritora Aurora Marco recibe o recoñecemento pola súa decisiva contribución á recuperación da memoria das mulleres galegas e polo seu compromiso constante co galego como lingua de investigación, divulgación e pensamento crítico.

O terceiro galardón recae no Servizo de Comunicación do Real Club Celta de Vigo, en recoñecemento ao traballo sostido desde 2013 para incorporar o galego ao ámbito do fútbol profesional. O xurado salientou o uso normalizado da lingua propia de Galicia na comunicación corporativa do club, nos encontros deportivos, nas plataformas dixitais, na aplicación oficial, nas redes sociais e na relación coa afección. Esta aposta contribuíu a situar o galego nun espazo de grande visibilidade pública, asociado á emoción deportiva, á identidade colectiva e á modernidade.

A entrega dos Premios Lois Peña Novo 2026 terá lugar o vindeiro 2 de xullo, ás 19.00 horas, na Casona da Torre de Redondela. O cambio de escenario respecto de edicións anteriores débese ás obras de rehabilitación que se están a desenvolver no Castelo de Soutomaior, sede habitual do acto.

Con estes recoñecementos, os Premios Lois Peña Novo volven poñer en valor o traballo de persoas e entidades que fan da lingua galega unha ferramenta viva de identidade, cultura, comunicación e futuro.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará