A programación inclúe actividades familiares, encontros literarios, espectáculos e sinaturas de autores, con descontos do 10 % na compra de libros. A cita reunirá un total de 9 librarías, entre as que se atopan Rosalía e Compañía, Moliere e La Imprenta. A inauguración oficial terá lugar o xoves ás 18:00 horas co pregón de Carolina Sertal. Entre os autores participantes destaca a presenza dos redondeláns Julio Alonso quen manterá un encontro arredor da evolución da muiñeira e da gaita como símbolos da cultura galega xunto coa gaiteira Rebeca Carrera así como Juan Migueles quen asinará exemplares do seu libro Calendario histórico de Redondela
A Feira do Libro de Redondela reunirá librarías de toda Galicia, autores e autoras de distintos xéneros literarios e unha programación dirixida tanto ao público infantil como adulto.
A cita arrancará o xoves co pregón e presentación teatral de Alicia, da compañía Pedras de Cartón, e un recital de poesía de micro aberto coordinado pola escritora Branca Trigo.
Durante os catro días de feira desenvolveranse numerosas actividades culturais e de animación á lectura. O venres será a quenda do espectáculo familiar A bibliotecaria estrafalaria, protagonizado por Cris de Caldas, e dun obradoiro sobre seres fantásticos da tradición galega impartido por David Rodríguez Paz.
A programación continuará o sábado con Os Xogos do Paporrubio, unha proposta lúdica para toda a familia, e cun encontro arredor da evolución da muiñeira e da gaita como símbolos da cultura galega, no que participarán Julio Alonso e a gaiteira Rebeca Carrera.
O domingo, última xornada da feira, os máis pequenos poderán gozar do concerto Brinca Vai, de Paco Nogueiras, así como do obradoiro creativo Isto non é un lobo, conducido por Marc Taeger.
Ademais das actividades programadas na carpa principal, as casetas das librarías participantes acollerán numerosas sinaturas de libros. Ao longo da feira pasarán por Redondela autores como Samuel Ferro, Alba López Paredes, Antonio Tizón, Mav Alonso, Juan Galán, David Gago Sampedro, Isabel Porto ou Silvia de Pablos, entre outros.
As casetas das libraría participantes estarán abertas en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas e, como é habitual neste tipo de eventos, os lectores poderán adquirir exemplares cun desconto do 10 %, unha medida que busca incentivar a lectura e apoiar o comercio cultural de proximidade.
Organizada pola Federación de Librarías de Galicia, a cita pretende fomentar o hábito lector e achegar a literatura á cidadanía a través dun programa que combina presentacións, actividades didácticas, música e encontros cos autores.















