As accións formativas de Ruralmente chegarán o vindeiro día 20 ao Mutiúsos de Arcade, en Soutomaior. O proxecto ten por finalidade poñer en valor as experiencias turísticas centradas en produtos agroalimentarios e o marketing dixital. As persoas interesadas poden inscribirse ata o 19 de maio a través da páxina web de Galicia Suroeste.
O Centro Multiúsos de Arcade acollerá o vindeiro mércores 20 de maio unha xornada centrada na creación de experiencias turísticas vinculadas a produtos agroalimentarios de calidade. A iniciativa, enmarcada no proxecto Ruralmente de Galicia Suroeste, reunirá en Soutomaior a empresas galegas que se teñen convertido en referentes tanto pola excelencia das súas producións como pola capacidade de transformar o rural en destino turístico.
A cita contará coa participación da granxa Casa Grande de Xanceda, a queixería Airas Moniz e os restaurantes ecolóxicos Fogar do Santiso, tres proxectos consolidados que compartirán a súa experiencia na combinación entre produción agroalimentaria, sustentabilidade e turismo experiencial.
A apertura institucional correrá a cargo do alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e da concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, que participarán no inicio dunha xornada orientada a profesionais, entidades e persoas interesadas nas oportunidades do turismo rural e agroalimentario.
A programación completarase pola tarde cunha visita e experiencia enoturística nas Adegas Noelia Bebelia, guiada por Simón Barcia, que permitirá ás persoas asistentes coñecer de primeira man unha proposta de enoturismo desenvolvida no propio concello.









