A parroquia de Vilar celebra o vindeiro sábado 16 de maio unha nova edición da Festa das Letras Galegas cun programa que inclúe actividades pensadas para público infantil e música tradicional.
A xornada, dedicada á promoción da lingua e da cultura galega que este ano rende homenaxe á escritora Begoña Caamaño, arrancará ás 17:30 horas cunha sesión de animación infantil e xogos populares dirixida ás máis pequenas e pequenos, co obxectivo de fomentar a participación familiar e achegar ás novas xeracións ás tradicións populares galegas.
Xa ás 18:30 horas dará comezo a parte musical da celebración, que contará coa participación de diferentes formacións tradicionais da contorna. Actuarán o Grupo de Gaitas Xacomín, de Cabeiro; o Grupo de Pandereteiras Follas Verdes, de Vilar de Infesta; o Grupo de Gaita e Percusión Aluarado, tamén de Vilar de Infesta; e o Grupo de Gaitas Tirapuxa, de Trasmañó.
Desde a organización destacan que esta iniciativa busca “reforzar o compromiso coa defensa e difusión da lingua galega e da identidade cultural”, coincidindo cunha das datas máis significativas do calendario cultural galego.










