Os deputados nacionais do PP de Pontevedra, Irene Garrido, Pedro Puy e Juan Bayón, piden explicacións ao Goberno central sobre o incidente ocorrido na estación dos Eidos onde varios usuarios tiveron que ser desaloxados pola Policía ao quedares atrapados no interior da estación. Os populares, que visitaron na mañá de hoxe a estación do AVE critican a falta de servizos e persoal “do que parece unha estación fantasma”.
O incidente ao que fan referencia os populares tivo lugar o pasado mes de febreiro cando cinco pasaxeiro “quedaron atrapados no interior da estación, a escuras, cos accesos pechados e sen presenza de persoal, sendo finalmente necesaria a intervención da Policía Local para facilitar a súa saída mediante o uso de ferramentas”, explicou Irene Garrido.
A deputada nacional explicou que xa foi rexistrada no Congreso unha iniciativa para que dean explicacións sobre cales foron as causas concretas que a provocaron e que responsabilidades se determinaron e como explica o Goberno que unha estación titularidade de ADIF mantivese a usuarios atrapados no seu interior, ás escuras e sen presenza de persoal, tendo que ser finalmente desaloxados pola Policía Local mediante o uso de ferramentas. Preguntan tamén se funcionaban correctamente nese momento os sistemas de apertura, peche e evacuación da estación e, en caso contrario, que fallos concretos, técnicos, de mantemento ou de organización do servizo, foron identificados.
Engaden que “este feito expón serias dúbidas sobre o correcto funcionamento das instalacións, a adecuación dos horarios de apertura e peche, a dispoñibilidade de persoal de atención, así como sobre os sistemas de seguridade e os protocolos de evacuación nunha infraestrutura ferroviaria de titularidade pública”.









