A crecente tensión internacional e os movementos cada vez máis imprevisibles da política exterior de Estados Unidos responderían, segundo o analista Ignacio Ramonet, ao temor de Washington a perder a súa hexemonía fronte ao avance de China na gran batalla estratéxica do século XXI: o dominio da Intelixencia Artificial. Así o afirmou nunha charla celebrada no salón de actos do Centro Recreativo de Redondela que quedou pequeno para escoitar a intervención do prestixioso xornalista e intelectual, nado en Redondela, que regresaba á súa vila natal convidado polo Colectivo Republicano.
Doutor en Semioloxía e Historia da Cultura e exdirector de Le Monde diplomatique, Ramonet sostivo durante a súa intervención que a gran batalla polo liderado mundial xa non se libra unicamente no plano militar ou económico, senón no tecnolóxico. Máis concretamente, en dous ámbitos decisivos: a Intelixencia Artificial e a conquista do espazo.
“Quen domine a Intelixencia Artificial dominará o mundo”, resumiu o xornalista, quen reduciu a competición global a dúas únicas superpotencias capaces de disputar esa carreira: Estados Unidos e China.
Ao longo da conferencia, seguida con enorme atención polo público asistente, Ramonet explicou que o desenvolvemento da IA require condicións que moi poucos países poden asumir: unha inmensa capacidade enerxética, acceso ás chamadas terras raras e dominio da fabricación de microprocesadores de última xeración.
Nese escenario, advertiu, China conta cunha posición especialmente favorable pola súa capacidade para controlar e procesar os minerais estratéxicos necesarios para esta industria, ademais da infraestrutura enerxética indispensable para manter operativos estes sistemas tecnolóxicos.
O analista incidiu especialmente no impacto militar da Intelixencia Artificial, asegurando que a supremacía futura dependerá da capacidade de aplicar estas tecnoloxías ao campo da defensa. Como exemplo puxo a guerra de Ucraína, que definiu como un conflito profundamente marcado polo uso de drons, mísiles intelixentes e sistemas automatizados manexados por IA.
China ten ao seu favor principalmente o feito de contar con terras raras, é dicir, os materiais necesarios para elaborar os microprocesadores e, sobre todo, conta coa tecnoloxía necesaria para o seu “tamizado” así como a enerxía eléctrica preecisa para manter en funcionamento todo o sistema.
Para Ramonet, a segunda gran fronte xeopolítica do século XXI será a conquista do espazo. O xornalista referiuse aos plans dos Estados Unidos para establecer unha presenza permanente na Lúa, vinculando esta estratexia á procura de novos recursos minerais –as chamadas terras raras- imprescindibles para o desenvolvemento tecnolóxico.
“Só as potencias que consigan instalarse na Lúa terán capacidade para dominar a Terra”, advertiu, mencionando iniciativas como a misión espacial Artemis II.
Na parte final da súa intervención, Ramonet relacionou esta pugna entre Washington e Pequín co actual comportamento da política exterior estadounidense. Ao seu xuízo, o temor a perder a hexemonía mundial fronte ao avance chinés estaría detrás de moitas das decisións erráticas e da crecente tensión internacional dos últimos tempos.
Unha análise crítica que converteu a charla de Ignacio Ramonet a Redondela nunha clase maxistral.









