O Campo da Feira de Redondela converterase o próximo 30 de maio no escenario da primeira edición do Choquiño Urban Fest, unha nova proposta musical centrada na música urbana e dirixida especialmente ao público mais novo. O festival contará cun cartel no que destacan nomes recoñecidos da escena galega actual: 9Louro, Ortiga ou Kike Varela.
9Louro chega ao festival como unha das voces emerxentes con maior crecemento dentro da música urbana galega, cun estilo marcado pola mestura de ritmos actuais, personalidade propia e unha forte conexión co público novo.
Ortiga será outro dos grandes protagonistas da noite. O artista compostelán consolidouse nos últimos anos como unha referencia da música alternativa galega grazas á súa combinación de electrónica, cumbia, autotune e retranca, creando un son completamente identificable e moi presente nos festivais de todo o país.
Tamén se subirá ao escenario Kike Varela, artista novo cun estilo fresco e pegadizo, mesturando música urbana, pop e ritmos modernos que conectan coa mocidade.
O Choquiño Urban Fest celebrarase desde as 20:00 horas con entrada gratuíta e contará tamén coa participación de varios DJs como Dj Valdi, recoñecido internacionalmente polas súas sesións cheas de hits comerciais, reggaeton e música electrónica para non parar de bailar, Dj Ramsés López, actualmente presentador do “morning show” de “Los 40Urban”. Participará tamén o redondelán Rodri Vegas cun show pensando para manter o festival ao máximo nivel toda a noite e Frnech Riviera, cun proxecto musical con influencias electrónicas e urbanas que destaca pola súa estética moderna e son envolvente.
A organización destaca que o obxectivo do festival é crear un evento de referencia para a mocidade, apostando por artistas galegos e nacionais vinculados á escena urbana e electrónica actual.










