Hoxe é Luns 11 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un novo accidente na EP-2702 reabre as críticas á Deputación polo atraso nas obras de mellora

ep2702

Un turismo saíu da calzada e envorcou na madrugada do sábado para o domingo na estrada EP-2702 en Pazos de Borbén. O sinistro volve poñer no centro do debate o estado desta vía. O propio alcalde, Luciano Otero, denuncia a falta de avances nas obras comprometidas pola Deputación de Pontevedra. O rexedor sinala que, un ano e medio despois da sinatura do convenio para o arranxo dun primeiro tramo da estrada, o único progreso visible foi a colocación dun cartel informativo.

O accidente desta fin de semana produciuse arredor das seis da mañá e foi o propio condutor quen deu aviso aos servizos de emerxencia. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais, aínda que o vehículo acabou envorcado nun lateral da vía e tivo que ser retirado durante a xornada de onte.

O accidente volve poñer o foco sobre o estado desta estrada provincial, que segundo denuncian os veciños presenta un firme deteriorado, curvas perigosas e ausencia de beiravías, factores que consideran determinantes na reiteración de sinistros. A veciñanza leva anos advertindo da perigosidade do trazado e reclama actuacións urxentes.

A situación da EP-2702 leva tempo xerando malestar na zona, onde se denuncia a falta de avances malia os compromisos adquiridos entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pazos de Borbén. Existe un convenio asinado para a mellora dun primeiro tramo de aproximadamente un quilómetro, dentro dun trazado total de oito, pero polo momento non se perciben actuacións significativas.

O alcalde do municipio, Luciano Otero, criticou publicamente a situación nun vídeo difundido nas últimas horas, no que asegura que “un ano despois da sinatura do convenio, o único avance foi a colocación dun cartel na vía”.

Luciano Otero, Alcalde Pazos de Borbén

Pola súa banda, a Plataforma en Defensa da EP-2702 continúa coas súas mobilizacións periódicas, incluíndo cortes de tráfico no cruce dos Valos, para reclamar o inicio das obras e unha intervención integral na estrada. A organización xa anunciou novas protestas para o mércores 20.

Os veciños describen a EP-2702 como unha “estrada esquecida e abandonada durante décadas”, na que aseguran convivir a diario cun risco constante debido ao tráfico pesado, o mal estado do firme e a configuración sinuosa do trazado.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará