O prestixioso xornalista Ignacio Ramonet participa este sábado nunha charla aberta ao público organizada polo Colectivo Republicano. O acto celebrarase ás 18.00 horas no Centro Recreativo Cultural baixo o título “Algunhas consideracións sobre a nova xeopolítica internacional”.
Durante a conferencia, Ramonet abordará os profundos cambios que atravesa o panorama político mundial, desde os novos equilibrios de poder ata os conflitos internacionais actuais, analizando a estreita relación entre xeografía, economía e estratexia política. A súa intervención incluirá probablemente referencias á situación de América Latina, territorio que coñece de primeira man. Dáse a circunstancia de que tan só días antes do secuestro de Maduro por parte dos Estados Unidos, Ramonet reuniuse co presidente de Venezuela no país latinoamericano.
Nado en Redondela o 5 de maio de 1943, Ramonet mantén unha forte vinculación emocional e familiar co municipio, onde parte da súa familia continúa residindo. Fillo dunha familia republicana exiliada tras a Guerra Civil, pasou parte da súa infancia en Tánxer antes de instalarse en Francia para continuar a súa formación académica.
Doutor en Semioloxía e Historia da Cultura, é considerado unha das voces máis influentes do pensamento crítico europeo contemporáneo. Foi director de Le Monde diplomatique entre 1990 e 2008, etapa na que a publicación se converteu nunha referencia internacional do xornalismo de análise política e social.
A organización destaca que a charla terá un marcado carácter divulgativo e pedagóxico, combinando reflexión política con experiencias persoais e anécdotas acumuladas durante décadas de cobertura internacional.
As actividades continuarán o domingo cun xantar de confraternidade aberto á cidadanía no Restaurante Tábata, organizado tamén polo Colectivo Republicano. As persoas interesadas aínda poden anotarse poñéndose en contacto coa organización.









