Foto: Machremo
Non hai respiro para as dúas embarcacións galegas que militan na máxima categoría do remo, a Liga ACT, e que continúan pelexando por evitar unha posición que as condenaría ao descenso directo á Liga Galega de Traiñeiras. Son tan só catro as regadas que restan para acabar a competición e o obxectivo é claro: alcanzar a penúltima praza, o que lles daría unha esperanza de permanencia. Chapela revivía este sábado en Pasaia pero a cita do domingo en Getaria volve condenala a última posición da clasificación, empatada a 46 puntos con Ares. Pola súa banda, as remeiras de Chapela pechan a tempada cun meritorio segundo posto na Liga Feminina.
Boa actuación da embarcación de Chapela na contrarreloxo celebrada o sábado. Lograban clasificarse oitavos na bandeira de Pasaia e situarse por diante de Ares na clasificación xeral o que lles permitía un respiro. Con todo, a alegría durou menos de 24 horas. Na competición do domingo, Chapela, malia a súa boa actuación, entraba na meta en novena posición adiantando a outras tres embarcacións pero por detrás de Ares, rival directo pola permanencia. Cedía así os dous puntos de marxe conseguidos o sábado e regresa a última posición.
Dúas embarcacións que continúan empatadas a puntos a tan só catro provas de que acabe unha tempada liderada por Orio.
As remeiras de Chapela pechan a tempada cun meritorio segundo posto na Liga Feminina
A Liga galega feminina pechou a tempada con vitoria para a embarcación de Salgado Perillo que confirmaron o título de campioas cun total de 71 puntos, mentres que as de Chapela confirmaron a medalla de prata logo da última regada disputada este domingo en augas de Boiro onde se disputou a VII Bandeira Feminina rianxeira, proba que gañou a embarcación de Tirán Pereira.
Fin de semana que nos deixaba dúas regatas. O sábado en Castropol e o domingo en Boiro. Foron as atletas de Tirán Pereiro as que se impuxeron nesta proba ante a tripulación de Perillo, que perdeu a súa única e última regata. Malia todo, as mozas de Salgado- Perillo confirmaron o título de Campioas Galegas nunha clasificación xeral nas que as de Chapela se clasificaron en segundo lugar, logo de quedar cuartas na última regata da tempada.









