O Concello abre hoxe luns día 11 o prazo de inscrición para os campamentos municipais de verán, unha iniciativa destinada a facilitar a conciliación das familias durante as vacacións escolares e que este ano contará con 480 prazas para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. A documentación pode recollerse nas oficinas municipais, no Centro de Información á Muller (CIM) e tamén descargarse na web oficial do Concello.
O programa, organizado pola Concellería de Igualdade, desenvolverase durante os meses de xullo e agosto en horario de 09:00 a 14:00 horas, de luns a venres, coa posibilidade de utilizar tamén o servizo de aula matinal entre as 08:00 e as 09:00 horas.
As actividades realizaranse en sete puntos diferentes do municipio: Cedeira, Cesantes, Chapela, Quintela, Reboreda, Vilar e Redondela, co obxectivo de achegar o servizo tanto á vila como ás parroquias e facilitar o acceso das familias.
En total ofertaranse 300 prazas no mes de xullo e 180 no mes de agosto. O servizo poderá solicitarse por quincenas e desenvolverase nos centros escolares de Cedeira, Cesantes, Chapela, Quintela e Porto Cabeiro, ademais da SLC de Reboreda e do Conservatorio Municipal Víctor Ureña.
A alcaldesa, Digna Rivas, destacou que o Concello continúa apostando por medidas que “favorecen a conciliación familiar e laboral ao tempo que ofrecen alternativas de lecer educativo para a rapazada”.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, subliñou a importancia dun programa que permite aos nenos e nenas participar en actividades lúdicas e didácticas nun entorno próximo.
O prazo de inscrición permanecerá aberto do 11 ao 22 de maio, ambos incluídos. A documentación poderá recollerse nas oficinas municipais, no Centro de Información á Muller (CIM) e tamén descargarse na web oficial do Concello.
Máis información en Concello de Redondela ou no teléfono do CIM: 986 40 80 43.









